Chega o outono ás Pontes co inicio da cuarta edición do programa Terra de Cogomelos
O Concello das Pontes aposta un outono máis polos cogomelos, organizando unha nova edición das xornadas micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos. Esta será a 4ª edición dunha iniciativa que se desenvolverá ao longo dos meses de outubro e novembro e que ten como finalidade promover a cultura, a actividade física en espazos naturais, o turismo e, en definitiva a economía ao redor dos fungos e cogomelos presentes durante a outonía na bisbarra pontesa.
Elena López, concelleira de Promoción Económica e Turismo das Pontes e responsable da iniciativa, comentou que “esta edición consolida un programa que pretende completar a oferta que durante décadas impulsou nas Pontes a Feira de Fungos e Cogomelos, así como aumentar o impacto socioeconómico que xera na nosa localidade o gasto turístico das persoas afeccionadas á micoloxía que nos visitan desde todo Galicia”.
O programa deste outono conta con 15 actividades, todas elas gratuítas, pero con inscrición previa recomendable xa que hai límite de prazas na maioría delas. Unha edición máis inclúese unha serie de faladoiros e saídas ao monte nos que diferentes especialistas de Galicia, achegarán ao público temáticas diversas como a identificación de especies, hábitats, técnicas de recolección e usos culturais e culinarios dos cogomelos. Actividades que se completarán con obradoiros de cociña tanto para público adulto como infantil, así como dous concursos de receitas nas que os ingredientes protagonistas serán os cogomelos.
A principal novidade deste ano serán os menús e tapas elaborados con cogomelos silvestres e de proximidade, que ofrecerán os establecementos de restauración e hostalería local para todos aqueles micófagos que se animen a probar estas delicias da nosa terra. Estas xornadas gastronómicas celebraranse a derradeira semana de outubro e rematarán o domingo 3 de novembro, coincidindo coa 34º edición da Feira de Fungos e Cogomelos.
A primeira actividade desta edición será un faladoiro na Casa Doutor Dopeso, o venres 4 de outubro ás 18:30, a cargo de Antonio Díaz, cociñeiro e micófilo eumés, que presentará os cogomelos de maior valor gastronómico presentes na comarca do Eume.
O día seguinte, o sábado 5 de outubro en horario de mañá, realizarase unha das actividades máis orixinais, consistente nun roteiro cicloturista para identificar fungos e cogomelos que será guiado polo divulgador e youtuber xermadés Luis Cuba.
O domingo 13 de outubro, coincidindo coa Feira do Queixo e do Mel de Goente, celebrarase unha saída polo Monte Forgoselo dirixida a familias, nas que persoas adultas e menores de idade coñecerán os beneficios ambientais e pedagóxicos dos cogomelos. A actividade estará guiada por Rubén Villasenín e Miriam Miramontes, educadores de Amabul, asociación medioambientalista con sede en Vedra.
O venres 18 de outubro celebrarase un novo faladoiro na Casa Dopeso, impartido pola Doutora en micoloxía María Cabaleiro, que presentará as principais conclusións da súa tese doutoral, un traballo excepcional e pioneiro sobre a etnomicoloxía no noroeste ibérico.
O día seguinte, sábado 19 de outubro, será o tempo dunha saída ao couto micolóxico do Forgoselo guiada por Hugo Fernández, biólogo especialista en botánica e micoloxía, así como socio-fundador da empresa viguesa MycoGalicia Plantae.
O venres 25 de outubro, celebrarase un novo faladoiro no que os autores da Guía micolóxica básica da provincia de Lugo, darán a coñecer a nova guía que acaba de reeditar a Sociedade micolóxica Lucus, unha das asociacións con maior actividade divulgadora de todo Galicia. Os autores deste traballo, Julián Alonso, Jose Castro, Mª Cristina García-Echave e Antonio Rigueiro asinaran exemplares ás persoas asistentes á presentación.
O sábado 2 de novembro tocará unha nova saída ao monte dirixida a público adulto, nesta ocasión guiada polo cociñeiro Antonio Díaz, no que aprenderemos a identificar cogomelos con valor gastronómico, así como boas prácticas de recolección e conservación dos recursos micolóxicos no Monte Veciñal do Forgoselo.
O domingo 3 de novembro será a quenda dos obradoiros de cociña para público adulto e infantil. O cociñeiro coruñés Gabriel Quispe Peña, galardoado como “Mellor cociñeiro de Cogomelos” no concurso gastronómico dirixido a estudantes de centros de hostalería de Galicia, dirixirá en horario de mañá 2 talleres nos que será preciso reservar praza con antelación suficiente para poder asistir.
O cuarto e derradeiro faladoiro, será o 8 de novembro en horario de tarde. Floro Andrés Rodríguez e Óscar Requejo Martínez, membros do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, presentarán a guía recentemente editada co nome “Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal”. Nesta guía que poderá ser adquirida polas persoas presentes, os autores mostran un mundo de seres enigmáticos, de vivas cores, variadas formas e interesantísima bioloxía.
Terra de Cogomelos, inclúe un ano máis saídas divulgativas para público escolar de todos os centros educativos de primaria e secundaria da localidade. Estas saídas serán de novo guiadas por membros da asociación pontesa Poupariña, continuando coa labor educativa e de sensibilización medioambiental iniciada nos anos oitenta por esta agrupación micolóxica.
O 12 de novembro será a data límite para participar nos 2 concursos de receitas elaboradas a base de cogomelos silvestres ou cultivados, que se desenvolverán desde o 1 de outubro, e a partir dos que se deseñará un receitario coas propostas presentadas. Un dos concurso está dirixido a cociñeiros profesionais e aos centros de formación de hostalería de todo Galicia. E o segundo dos concursos gastromicolóxicos está aberto a calquera persoa que valore os cogomelos como produtos galegos con enorme valor culinario e disposta a mostrar publicamente a súa afección pola cociña.