Chega o programa Ninfas a Nete cun obradoiro de aromaterapia
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu esta semana a benvida ás emprendedoras que participaron no centro social da parroquia de San Cosme de Nete nun taller de aromaterapia financiado pola institución provincial. Unha iniciativa que desenvolve a Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU) no marco do programa Ninfas, que conta cunha achega da Deputación de 35.000 euros.
Detallou Tomé Roca que esta iniciativa pretende “aumentar o rendemento das empresas dirixidas por mulleres, dinamizando o tecido empresarial da provincia”, pero tamén “loitar contra o despoboamento nas zonas do rural a través de accións formativas e de reciclaxe dirixidas ás emprendedoras”. E sinalou que a través de este programa AELU e a Deputación están a impartir obradoiros formativos diversos de 2 ou 3 horas e que chegarán a unhas 340 mulleres da provincia.
Membros da asociación de veciños da parroquia de San Cosme de Nete, compartiron tempo co mandatario provincial, que acudiu ao obradoiro acompañado pola Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; a presidenta do colectivo veciñal, María Ángeles Rivas; e a técnica do programa Ninfas e membro de AELU, Úrsula Pérez. Os participantes recibiron unhas sementes de outono como agasallo e traballaron os aceites esenciais e os seus usos, a súa influencia no seu estado de ánimo e nalgunhas doenzas.
O investimento da Deputación neste programa está destinado, entre outras cuestións, á contratación de dúas persoas, unha encargada de coordinar a actividade, e outra experta en redes sociais e informática para impartir as formacións.