Chega a XII edición do Festival 27373 de música en galego
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai celebrar a duodécima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 10 de agosto no Club Fluvial de Begonte.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios.
O festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequenos e ás familias. A partir das 13.45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo Aloumiña e Axeigo, na que poderase gozar, en exclusiva, das cervexas oficiais do Festival 27373. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás 17.30 horas, haberá ludoteca ambulante coa Chintofanería e ás 18.00 celebrase un campionato de cimbrón.
Abrindo o festival de noite, sobre as 21.00 horas subirá ao escenario Nimbos. O grupo nace nas Pontes no ano 2023, grazas á iniciativa de Antía Franco Caaveiro. Foi quen de xuntar a outros tres mozos e montar un grupo no que a tradición é o principal estímulo para facer a súa música pero interpretada ao seu xeito.
Nimbos está composto por Antía Franco (voz, frauta traveseira, gaita), Álvaro García (guitarras), Diego Barro (percusión) e Xalo Rubio (acordeón). Todos eles grandes músicos, cunha extensa preparación e que veñen ao Festival a poñer a bailar a todo o torreiro.
Os seguintes en subir ao escenario serán Loita Amada, o novo proxecto do Jásper, un dos históricos do rock en galego que pasou por bandas xa míticas como Xenreira ou Nao. Unha banda que intenta darlle un novo aire á canción protesta galega, con letras cargadas de mensaxes revolucionarias e socialmente comprometidas, cunha mestura entre o rock combativo e a sensibilidade.
Loita amada pasará por Begonte, na súa xira 2024, chamada Rematou o simulacro. Sen dúbida, unhas das actuacións máis agardadas pola xente rockeira de Begonte.
Manu Kasoaparte será o encargado de clausurar o festival. É artesán, maquinador de chintófanos, billardeiro, habitual no torreiro do Festival 27373 durante moitos anos e músico, polo que non podía faltar nesta edición. Con Manu Kasoaparte entrearase estilo novo no festival, pois o punk de aldea, nunca estivo presente e contarán cun novo formato pois este derradeiro concerto será abaixo, no torreiro, preto da xente que é onde a el lle presta.