Chega unha nova edición da Festa do Comercio Móvete polas Pontes
As Pontes celebra o sábado, 11 de maio, unha nova edición da súa festa co comercio, unha iniciativa que, en palabras da concelleira responsable da área, Elena López, “quere contribuir á dinamización comercial do municipio, aumentando a visibilidade do comercio pontés, pezas fundamentais na economía local por medio de accións destinadas a promocionar e apoiar as vendas para lograr un sector forte e cohesionado.”
Un total de quince establecementos participarán na novena edición de “Móvete x As Pontes”, a fashion night organizada polo Concello coa colaboración de Cohempo, que busca acadar un sector forte, axuntar esforzos e formular estratexias conxuntas que permitan reforzar o atractivo e a competitividade do comercio do municipio.
Esta nova edición da festa do comercio do Concello das Pontes, dedicada este ano ao cine, comezará no Parque Municipal, ás 18:00 horas, cun desfile de moda no que os establecementos amosaran ao público as últimas tendencias de moda, complementos e beleza cara o verán que converterán ás Pontes nun gran escaparate ó aire libre das propostas comerciais do municipio.
Os locais participantes abrirán os seus establecementos ás 20:00 horas e prolongarán o seu horario de apertura ata as 00:00 horas para ofrecer, á veciñanza e persoas visitantes descontos especiais, promocións e sorteos e moitas sorpresas.
Asemade, durante toda a celebración, unha agrupación musical percorrerán as rúas do pobo, animando a comerciantes, veciñanza e visitantes.
Finalmente, entre todas as persoas compradoras repartiranse premios valorados en 600 euros, a través de tarxetas rasca, para gastar durante a celebración da fashion night nos establecementos que participan nesta iniciativa.
Elena López invitou a todos os veciños e veciñas e visitantes a gozar desta gran festa do sector comercial local, a vivir unha noite diferente entorno ao mundo da moda e do pequeno comercio, amosando o seu apoio á economía local, mercando no comercio pontés e investindo no futuro das Pontes.