Chegaron a Viveiro 60 turistas inglesas que participaran na festa galaico-escocesa
Esta pasada semana, chegaron a Viveiro 60 persoas procedentes de Inglaterra. Fixeron a viaxe en ferry de Inglaterra a Santander e dende Santander a Viveiro trasladáronse nos seus vehículos remolcando nos mesmos 13 barcos.
Foron recibidos polo xerente do Porto Deportivo e membros do Club de Vela, pola Concelleira de Turismo Marisol Rey e polo Concelleiro do Mar, Jesús Fernández. A baixada dos barcos á auga realizouse por membros da concesionaria do Porto Deportivo.
A estancia en Viveiro durará unha semana e estarán aloxados en diferentes vivendas, entre outros puntos, en Area e Covas.
Durante estes días realizaranse diferentes actividades, entre as cales destacan as regatas das embarcacións que darán comezo o domingo día 23 entre as 13:00 e as 17:00 horas, e prolongaranse durante os días luns 24, martes 25, xoves 27 e venres 28 de xuño.
Os visitantes que alugaron para a súa visita un bus, realizarán visitas por Viveiro e arredores, pola zona da Mariña e a Santiago de Compostela.
O xoves 27 celebrarase na Praza Maior una festa galaico-escocesa na que participarán gaitas e un grupo de baile galego Bágoas da Terra, contando así mesmo con música de acordeón e gaita escocesa e levarase a cabo por Pepe do Galicia un tradicional esconxuro.
Tamén puideron degustar produtos típicos da zona, e realizaron compras na Praza de Abastos de Viveiro.