Chelo Gayoso Díaz gaña o premio de Poesía do Certame do Belén de Begonte

Chelo Gayoso Díaz, veciña de San Martiño de Guillar, no concello de Outeiro de Rei, foi a gañadora do Premio de Poesía do L Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal polo seu poema A luz de Begonte. O galardón está dotado con 1.000 euros e diploma e recoñece a calidade literaria dunha obra que destacou entre todas as presentadas a esta edición do certame.
O segundo premio, dotado con 500 euros e diploma, foi para José Antonio Malo Fernández, natural de Salinas de Pisuerga, na provincia de Palencia, polo poema Donde tú te hiciste nuestro. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra, con diploma, a Pablo Nogueira Campo, de Ourense, polo seu poema Belén é Begonte, en recoñecemento á calidade do traballo presentado.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro 31 de xaneiro no marco dos actos de clausura do Nadal en Begonte, unha cita cultural de referencia arredor destas datas no concello.
O fallo foi adoptado polo xurado do L Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, convocado polo Centro Cultural José Domínguez Guizán de Begonte, integrado polo escritor Xavier Rodríguez Barrio, por Sara Blanco Díaz e María Jesús Blanco Díaz, da Comisión de Cultura da entidade convocante, e por Xulio Xiz Ramil, presidente do Centro Cultural, que actuou como secretario.