Cidadáns presenta Manuel Varela Trigo como o seu representante en Outeiro de Rei
Cidadáns continúa coa súa implantación na provincia de Lugo abrindo unha nova agrupación en Outeiro de Rei. A presentación do grupo local será o vindeiro martes, día 30, no restaurante González (San Martín de Guillar) nun acto público aberto ao que están convidadas todas aquelas persoas que simpaticen coas ideas de renovación que representa Cidadáns.
A agrupación de Outeiro de Rei estará coordinada por Manuel Varela Trigo, á fronte dun equipo no que figuran tamén Jesús Teijeiro Igrexas, como responsable de redes sociais e Paula Varela Núñez, responsable de cidadanía.
Manuel Varela ten 44 anos, está casado e ten dous fillos. O seu perfil encaixa con moitas das novas incorporacións que está a facer Cidadáns, ao ser unha persoa cunha ampla experiencia laboral á marxe da política.
O novo coordinador de Cidadáns en Outeiro de Rei ten unha ampla traxectoria no mundo empresarial, no que comezou traballando na empresa do seu pai, Transportes Ochoa. Despois foi delegado na provincia de Lugo dunha entidade bancaria e na actualidade leva 17 anos traballando no sector farmacéutico.
Manuel Varela explica que decidiu hai varios meses sumarse ao proxecto de Cidadáns "para mellorar as condicións de vida dos veciños de Outeiro de Rei". Leva xa varias semanas visitando as distintas parroquias do Concello preocupándose polas demandas veciñais e facer así unha "política próxima e en positivo".
No acto de presentación deste martes en Outeiro de Rei estarán presentes Olga Louzao, voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, e Laureano Bermejo, secretario de organización de Cidadáns Galicia.
Este novo grupo local é unha mostra máis de que Cidadáns continúa traballando para abrir novas agrupacións e presentar candidaturas ás próximas eleccións municipais en distintos concellos da provincia. Cidadáns conta neste momento con agrupacións na coidade de Lugo e na A Mariña e antes do verán puxo a andar un grupo local en Sarria.
Un dos obxectivos da formación é aumentar a súa representación na contorna da cidade de Lugo, onde Cidadáns conta xa con dous concelleiros no Concello. A apertura de novas agrupacións ten como obxectivo poder achegar o partido que preside Albert Rivera aos veciños das diferentes localidades da provincia.