CIG Saúde denuncia as altas temperaturas do centro de saúde de Viveiro por incumprir a norma sobre as máximas autorizadas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
15 Ago 2019

O sindicato CIG  Saúde A Mariña denunciou que o Centro de Saúde de Viveiro están a rexistrar este verán unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial senón en calquera lugar de traballo.

Segundo o sindicato nacionalista galego, esta excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º  C), está a afectar a traballadores, pacientes e usuarios, e lembra que existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.

O sindicato, puntualiza que, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º  C e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25º C.

"Os profesionais levan tempo demandando unha solución para esta situación que se repite todos os veráns", agrega CIG , da que asegura que é coñecedora polas canles oficiais a Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte”.

O sindicato precisa que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo dependente do Ministerio de Emprego, "unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27º C, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores e traballadoras, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral".

Lembran por último que a Xerencia de Atención Primaria dotou a este centro dunha serie de  ventiladores "que non resolveron o problema e a calor é insoportable".

Desde CIG  Saúde A Mariña  esixen á Xerencia de Lugo-Cervo-Monforte que cumpra a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais e adopte as medidas correctoras oportunas para solucionar esta situación, “no caso contrario verémonos na obriga de presentar denuncia ante Inspección de Traballo”, conclúen.

 

0.18287491798401