Cinco asociacións de mulleres da comarca reciben unha achega

TerraChaXa | AMariñaXa
Cinco asociacións de mulleres da comarca reciben unha achega dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento
15 Xan 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas aprobadas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, que na provincia de Lugo foron concedidas a nove colectivos e suman un importe de 26.500 euros.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que este programa establece dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para a promoción de actuacións en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

A relación publicada no DOG inclúe como entidades beneficiarias á asociación de axuda á integración social Contigo, de Foz; Amuraxe, de Xermade; mulleres rurais Agarimo de Santaballa e asociación de viúvas Carmiña Prieto Rouco, ambas de Vilalba; Mulleres en Igualdade de Burela e Cervo; Observatorio A Mariña pola Igualdade; asociación familiar de amas de casa de Ribadeo e As Anguieiras, de Viveiro.

Con esta medida, a Xunta pretende contribuír a fortalecer o movemento asociativo feminino e a dinamizar as asociacións de mulleres, como elemento clave para avanzar na igualdade real e efectiva por razón de xénero.

0.19299602508545