Cinco centros escolares da provincia súmanse á reciclaxe co programa de Sogama

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
20 centros escolares de primaria das catro provincias galegas foron seleccionados para participar no programa Recíclate con Sogama.
RECICLATE SOGAMA COLEXIO
30 Nov 2022

Un total de 20 centros escolares de primaria das catro provincias galegas foron seleccionados para participar este curso académico no programa Recíclate con Sogama 2022-2023, cuxo obxectivo é promover a reciclaxe nos propios centros educativos e propiciar a práctica da estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Dentro da provincia de Lugo serán cinco centros: CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga (Guitiriz), CEIP Menéndez Pelayo (Lugo); CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei); CEIP Plurilingüe de Xermade (Xermade); e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove).

Cada un deles desenvolverá o seu propio proxecto de reciclaxe, contando para iso cos coñecementos e asesoramento de Sogama, ademais dos medios materiais e divulgativos dispensados pola empresa pública.

DOTACIÓN DE MEDIOS E SEGUIMENTO

A execución dos traballos dará comezo estes días cunha primeira visita dos educadores da Sociedade Galega do Medio Ambiente a todos os centros participantes co fin de recabar datos iniciais, coñecer a bagaxe do alumnado en xestión de residuos e os obxectivos do equipo docente.

Antes de concluír o ano, a compañía subministrará aos colexios as denominadas illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores con capacidade para 120 litros (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; e xenérico, para a fracción resto).

Así mesmo, os que dispoñan de servizo de comedor ou ben xeren unha cantidade importante de materia orgánica e que conten, ademais, con terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, entregaráselles un composteiro, con capacidade para uns 400 litros, co que poderán elaborar abono natural e pechar o ciclo de aproveitamento do residuo orgánico.

Adicionalmente, Sogama remitirá aos centros material didáctico e divulgativo de apoio, así como material lúdico para afianzar o apreso dunha forma amena e divertida.

A previsión é que, en xaneiro de 2023, tras as vacacións do Nadal, os monitores viaxen de novo a cada centro para impartir sesións formativas presenciais, posibilitando que alumnos e docentes poidan consultar as súas dúbidas e trasladar os seus comentarios ou observacións.

En torno ao mes de marzo, os educadores regresarán ás aulas para constatar a evolución dos proxectos, corrixir posibles erros e/ou reconducir determinados aspectos. Esta nova visita será aproveitada para realizar talleres, comprobar ao mesmo tempo o grao de coñecementos adquiridos polos pequenos e motivalos s a que dean traslado dos mesmos á súa contorna familiar e social máis inmediata, exercendo o papel de embaixadores e prescritores da reciclaxe, de tal forma que os bos hábitos na escola teñan continuidade no fogar e tempo de lecer.

Xa cara a maio, e coincidindo coa última visita aos colexios, procederase á caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe a fin de cuantificar os elementos propios e impropios, é dicir, o grao de acerto ou erro á hora de seleccionar os refugallos e introducilos nos recipientes correspondentes para garantir o seu posterior reciclado. De feito, e dada a importancia desta correcta separación, os resultados desta mostraxe computarán na avaliación final dos vinte proxectos.

Culminado o curso, os colexios deben presentar unha memoria das súas iniciativas a través da aplicación informática do Plan Proxecta a fin de que sexa avaliada conxuntamente por Sogama e a Consellería de Educación.

0.20396900177002