Cinco persoas feridas despois dunha colisión entre dous coches en Abadín
Cinco persoas resultaron feridas despois de producirse unha colisión, na que se viron implicados dous turismos, arredor das catro da tarde en Abadín. Unha das vítimas foi trasladada ao Hospital de Lugo e as outras catro ao Hospital Virxe dos Ollos Grandes. O sinistro tivo lugar na A-8, concretamente no punto quilométrico 561.
Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha persoa foi liberada por varios particulares ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular ás 16:00 horas. Indicaba no seu relato que, dentro dun dos turismos, un home necesitaba axuda para saír do interior.
Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilalba -que se achegaron ao punto cun equipo de excarceración-, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.
Finalmente, a dotación do parque comarcal levou a cabo a limpeza da vía.