Cinco podios para a EDM de Atletismo Guitiriz na preparatoria de campo a través Xogade en Vilalba

A Escola Deportiva Municipal de Atletismo de Guitiriz regresou con moi boas sensacións da proba preparatoria de campo a través do programa Xogade, celebrada no concello de Vilalba e incluída no calendario da zona Terra Chá.
Ata 24 cativos e cativas da EDM tomaron a saída nesta xornada de iniciación, na que 12 deles se estreadon nunha carreira oficial de campo a través, o que supón un paso adiante na consolidación da canteira do atletismo guitiricense.
No plano competitivo, o balance non puido ser mellor: cinco podios en categorías benxamín, alevín e infantil. Laura, na categoría infantil, e Rober, en alevín, asináron dous meritorios segundos postos. Pola súa parte, Niko e Naia, ambos alevíns, e Álex, en benxamín, remataron terceiros nas súas respectivas carreiras, confirmando o bo nivel do grupo.
Desde a EDM de Atletismo Guitiriz subliñan o carácter formativo da cita, que serve como toma de contacto co circuíto de campo a través e como preparación para as posteriores fases clasificatorias do calendario Xogade. O programa, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coas federacións deportivas, promove a práctica de actividade física entre o alumnado de 6 a 16 anos e chega cada tempada a preto de 150.000 escolares en toda Galicia.
Ademais dos resultados, o corpo técnico valorou moi positivamente a actitude do grupo, o compañeirismo entre os participantes e o ambiente de convivencia vivido ao longo da xornada, que reforza o papel do deporte escolar como ferramenta educativa máis alá da competición.