Cine na rúa este mércores en Vilalba co Iescha
O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración co Concello de Vilalba, participa no ciclo de Cine na Rúa convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa proxección ao aire libre da película O noso último verán en Escocia, de Andy Hamilton e Guy Jenkin, que terá lugar no parque Rosalía de Castro de Vilalba, o este mércores 24 de agosto, ás 21:30 horas.
“O último verán en Escocia é unha comedia moi entretida cunha forte dose de moralina que case logra emocionar pero, iso si, acada sacar un amplo sorriso e algunha que outra gargallada provocada pola espontaneidade e saídas dos tres pillabáns que, aínda que pareza mentira, acaban converténdose nos máis sensatos do conto. Atención tamén ao tratamento da paisaxe e da música tradicional celta que terá o seu punto álxido na catarse colectiva do fina”, segundo a crítica.
Un matrimonio en crise viaxa a Escocia con motivo do 75 aniversario do avó. Como está gravemente enfermo tratan de ocultar a súa difícil situación para que non lle afecte á saúde, pero non lles vai ser nada doado manter o segredo por mor dos seus tres falangueiros fillos.