Clamor nas Pontes para esixir unha transición enerxética realmente xusta

TerraChaXa
O pobo das Pontes volveu saír á rúa na tarde deste mércores para reclamar unha transición enerxética realmente xusta.
manifa endesa1
1 Xul 2021

O pobo das Pontes volveu saír á rúa na tarde deste mércores para reclamar unha transición enerxética realmente xusta e que este proceso non se materialice nin a conta do desemprego dos traballadores/as nin a conta de hipotecar o futuro industrial e social da localidade. A mobilización realizouse coincidindo co remate do prazo das garantías de emprego dadas por Endesa, mais sen que exista ningunha alternativa nin proxecto a curto prazo para o mantemento dos postos de traballo e a reindustrialización da vila.

"A partir do 1 de xullo xa hai empresas que anuncian traslados e outras directamente despedimentos, de maneira progresiva, segundo os traballos que quedan por realizar e as necesidades que haxa", advertiu Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, ao inicio da manifestación. Sinala que o peche da central térmica non se vai efectivizar este xoves, polo que se demanda de Endesa que prolongue os acordos de emprego durante o tempo que dure a tramitación administrativa do expediente de cese de actividade.

"Debido ás alegacións sobre o impacto ambiental que presentaron a Xunta de Galiza e o Concello das Pontes non se poden iniciar os procesos de pre-desmantelamento, polo que esiximos que non sexa un procedemento administrativo o que hipoteque o futuro dos traballadores/as e os obrigue a ir ao desemprego. Empresa e administracións teñen que cumprir co medio ambiente, pero tamén teñen que cumprir co ámbito laboral", asevera.

Amado denuncia o abandono das administracións, tanto da española como da galega, que malia as reunións urxentes solicitadas o pasado 7 de xuño á ministra de Transición, á ministra de Traballo e ao presidente da Xunta, "ningunha delas foi atendida aínda. Estannos abandonando. Tanto Yolanda Díaz como Feixoo viñeron ás Pontes facer campaña, dándonos á razón e apoiándonos, pero agora non fan nada, estando no aire a garantía de emprego e calquera alternativa de futuro".

Neste senso, o sindicalista advirte que a pesar dos continuados anuncios de proxectos industriais (como o presentado estes días por Reganosa e EDP, e avalado pola Xunta como proxecto tractor) "todos ligan a súa materialización a que se consigan os fondos europeos, evidenciando a falta dunha política industrial, pois todo o que non entre dentro das axudas non se instalará. Pero a creación de emprego non pode estar supeditada aos fondos que veñan de Europa, precisamos proxectos que doten de futuro á comarca".

O representante da CIG subliñou que as administracións teñen obriga de garantir unha transición real, porque tanto estas propostas como os proxectos nos que participa Endesa, non estarían operativos antes do ano 2023, "co cal, en que condicións imos chegar de aquí a alá?", inquire.

Ante esta falta de perspectivas "parece que a única alternativa que ofrecen os gobernos é que a transición a paguen os traballadores e as traballadoras co desemprego, pois neste momento non hai proxectos concretos para recolocar o persoal a curto prazo".

Diante disto, a central insta a intensificar as mobilizacións e a presión social para mover as administracións e que obriguen a Endesa a negociar o mantemento do emprego e a planificación, conxuntamente, dunha proposta industrial para As Pontes.

0.18765497207642