Clausura do obradoiro de emprego Terra Chá Dixital
A Xunta de Galicia destinou no último ano preto de 850.000 euros a financiar dous obradoiros de emprego en Vilalba e Abadín. Onte tivo lugar a clausura do obradoiro de emprego Terra Chá Dixital, co acto de entrega de diplomas aos 20 participantes nesta iniciativa laboral, que durante os últimos doce meses permitiu formar aos alumnos en ramas da construción e no tratamento e dixitalización de datos.
A Consellería de Emprego e Igualdade investiu máis de 336.400 euros, ademais dunha ampliación pola covid, de 126.106 euros, e doutros 18.000 aportados como incentivos á contratación laboral de doce destes alumnos por varias empresas, o que supón un orzamento total de máis de 480.000 euros.
Grazas a esta iniciativa laboral impulsada pola Consellería de Emprego e Igualdade, os participantes neste obradoiro adquiriron coñecementos teóricos e prácticos en oficios demandados, como as especialidades de revestimentos na construción, e gravación e dixitalización no tratamento de documentos.
A parte práctica desde obradoiro permitiu obras e melloras en dotacións municipais de ambos concellos, como a organización e dixitalización do arquivo municipal de Vilalba, na súa segunda fase; e a reforma interior do propio concello. Mentres, en Abadín, a actuación deste obradoiro levouse a cabo de xeito íntegro no arquivo municipal, co tratamento de datos.
Igual que nas anteriores edicións, o novo taller seguirá traballando no arquivo municipal de Vilalba, pero tamén na posta en valor de dotacións e espazos municipais como a humanización da travesía dos Pasos e na Sol, no casco urbano do citado concello, mentres que en Abadín traballarán na renovación dos pavimentos das beirarrúas na avenida de Galicia.
A inversión da Consellería de Emprego e Igualdade no obradoiro que se desenvolverá ao longo dos vindeiros nove meses é de case 347.000 euros, aos que se suman outros 22.500 como incentivos á contratación de 15 traballadores participantes nesta iniciativa.
O obxectivo prioritario destes obradoiros é mellorar as opcións dos participantes de atopar un emprego, mediante a adquisición de habilidades teóricas e prácticas en áreas con boas perspectivas de integración no mercado de traballo