Clausurado o obradoiro dual de emprego de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito

A Xunta de Galicia clausurou hoxe o obradoiro de emprego Camiño da Chaira VIII, no que investiu 412.000 euros e que foi promovido conxuntamente polos municipios de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito.
O acto de entrega de diplomas contou coa participación da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
As 20 persoas participantes, que partían dunha situación de desemprego, compaxinaron durante nove meses clases teóricas e traballo remunerado en especialidades relacionadas coa construción e o tratamento informático de documentos. En concreto, os seis participantes de Castro de Rei e os sete de Cospeito formáronse en Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, e os sete de Outeiro de Rei en Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos.
Ao tempo que adquirían experiencia laboral, os integrantes do obradoiro realizaron obras e servizos de interese social. Así, en Cospeito executaron as beirarrúas da rúa Aquilino Iglesias e da avenida Santa Marina de Muimenta, melloraron outras cinco beirarrúas do concello e revestiron un talude na travesía de Curros Enríquez.
En Castro de Rei repararon as fachadas do CEIP Ramón Falcón e do anexo da biblioteca municipal, ademais de realizar varias reformas no centro cívico de Matodoso. Pola súa banda, en Outeiro de Rei traballaron na dixitalización e organización do arquivo municipal.