Clausúrase en Lalín a VII Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros

O pasado venres 22 de agosto púxose o punto e final en Lalín á VII edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, unha iniciativa que se desenvolveu na Finca Mouriscade entre os días 18 e 22 de agosto e que contou coa participación dunha vintena de mozos e mozas de entre 8 e 25 anos.
A actividade, impulsada pola Federación Frisoa Galega (Fefriga) coa colaboración do Clube de Xóvenes Gandeiros, a Cooperativa Clun e a Deputación de Pontevedra, ofreceu formación teórica e práctica sobre aspectos fundamentais do sector gandeiro. Os participantes recibiron nocións de manexo de animais, preparación para concursos, xenética e benestar animal, sempre baixo a supervisión de profesionais. O obxectivo principal foi fomentar a remuda xeracional e espertar vocacións entre a xente nova para garantir o futuro da actividade gandeira en Galicia.
Na clausura estiveron presentes diversas autoridades, entre elas o director provincial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo; a deputada provincial Belén Cachafeiro; Héctor Martínez, da propia Finca Mouriscade; así como os presidentes das asociacións Africor da Coruña, Lugo e Pontevedra, Manuel Sandamil —que tamén preside Fefriga—, e o xerente da Moexmu, José Manuel Rus, ademais doutras representacións locais e provinciais.
A escola, que celebrou dúas edicións este verán, consolídase como un espazo de referencia para a aprendizaxe e a promoción do sector gandeiro entre a mocidade galega.