Clemente Iglesias volverá liderar a candidatura do PP ao Concello de Riotorto

TerraChaXa
Clemente Iglesias González volverá a liderar a candidatura do Partido Popular ao Concello de Riotorto co obxectivo de revalidar a maioría absoluta acadada nos comicios do 2015.
RIOTORTO_ClementeIglesias
6 Mar 2019

Clemente Iglesias González volverá a liderar a candidatura do Partido Popular ao Concello de Riotorto co obxectivo de revalidar a maioría absoluta acadada nos comicios do 2015. Esta é a terceira ocasión na que o actual rexedor popular encabeza a lista no seu municipio natal despois de que no 2011 xa gañara as eleccións, pero se vira relegado á oposición a falta de 3 votos para a maioría absoluta.

O candidato do PP á alcaldía asegura que volve encabezar a lista de cara ás eleccións municipais do 26 de maio coas mesmas ganas de “satisfacer as demandas dos meus veciños e veciñas tratándoos a todos por igual”.

Iglesias explica que “un dos nosos proxectos prioritarios do noso programa era o polígono industrial. E, actualmente, trala aprobación do inicio dos trámites por parte do consello de administración de Suplusa para formalizar un convenio co Concello, atópase en fase de presentación do proxecto de urbanización despois de pasar polos trámites administrativos de plan especial e conseguir tódolos informes sectoriais previos”. Nese sentido, avanza que seguirá centrando o seu esforzo en dotar de solo industrial ás empresas interesadas en asentarse en Riotorto. Ante un último paso, o de ser aprobado polo Pleno, sairían á venda once parcelas que se entregarían aos interesados con todos os servizos de saneamento e abastecemento.

Outras das liñas de traballo nas que se centrará o popular será “na posta en valor dos nosos produtos locais –tanto dos procedentes do sector hortícola e agrogandeiro coma da artesanía do ferro- e a promoción turística dos nosos recursos entre os que se atopa o conxunto etnográfico do Mazo”. De feito, tamén aposta pola creación de aloxamentos de turismo rural no municipio e por ofrecer aos maiores un fogar residencial ou residencia da terceira idade.

Clemente Iglesias destaca “a mellora dos servizos básicos nos distintos lugares do municipio e dos accesos aos núcleos rurais, así coma doutras infraestruturas ao tempo que logramos reducir a débeda municipal” como algúns exemplos da xestión do Goberno local neste mandato que tamén creou novas infraestruturas deportivas dirixidas aos mozos e mozas e apostou pola oferta de actividades deportivas e culturais que se ofrecen en tódalas parroquias para dinamizar a vida social dos veciños e veciñas de tódalas idades. Igualmente Iglesias pon en valor as medidas de conciliación da vida familiar e laboral que achegou o Concello grazas á casa niño impulsada polo Goberno popular da Xunta de Galicia ou os incentivos á natalidade para loitar contra a perda de poboación que sofre o concello.

Ante a importante porcentaxe de xente maior coa que conta o termo municipal de Riotorto, “temos incrementamos o servizo de axuda no fogar coa contratación de 14 auxiliares que permiten que non haxa lista de espera de persoas interesadas en recibir esta atención”.

O alcaldable popular tamén puxo en valor a mellora dunha vía moi importante para o noso concello, a LU-124. De feito, veñen de rematar recentemente os traballos de mellora impulsados pola Xunta nos tramos dende A Pontenova a Riotorto e dende a Cruz da Cancela-Lindin co enlace da A8


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19128799438477