Cogami imparte en Vilalba un curso de alfabetización dixital

TerraChaXa
Co fin de contribuír na preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas Cogami inicia en Vilalba un curso
COGAMI INICIA CURSO EN VILALBA
5 Maio 2021

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami, pon en marcha un curso de Alfabetización Dixital nas instalacións do Centro Sociocomunitario de Vilalba, onde se están a formar 7 persoas con discapacidade, 4 mulleres e 3 homes, todas elas co certificado de discapacidade ou de incapacidade laboral para a profesión habitual.

Financiado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad) e o Ministerio de Educación e Formación Profesional e enmarcado dentro do proxecto “Atención educativa de persoas con discapacidade adultas que presentan necesidades educativas específicas 2021”, este curso pretende dotar de habilidades no manexo das tecnoloxías informáticas para poder desenvolverse con elas na vida diaria e poder lograr novas oportunidades sociais e laborais.

Cunha duración de 85 horas lectivas, impartidas de luns a venres en horario de 9:30 a 13:35 horas, o alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 23 e 59 anos e procede dos concellos de Vilaba e Cospeito, terá que familiarizarse con contidos relacionados con Windows, Internet, Microsoft Word e Excel. 

Queda unha praza vacante nesta formación que está aberta a calquera persoa con discapacidade e/ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual, que pode contactar co servizo de orientación laboral de Cogami no teléfono 982 253 332.

Con formacións como esta, Cogami contribúe na preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas, pretendendo mellorar as súas posibilidades no mercado laboral, como así amosan os datos do ano pasado que reflicten que logrou atopar traballo o 35% das persoas que se formaron con Cogami.

0.17611598968506