Cohempo abre unha campaña solidaria con Elena, unha pequena con síndrome de Rett
A partir deste xoves día 29 de febreiro e coincidindo co Día mundial das enfermidades raras a asociación de comerciantes pontesa Cohempo dará comezo a campaña solidaria Unid@s por Elena co fin de axudar a dar visibilidade a esta enfermidade e colaborar coa súa investigación.
Neste día, tratarase de dar visibilidade ao Síndrome de Rett, unha enfermidade que padece a veciña das Pontes Elena, de 3 anos. Trátase dunha enfermidade rara causada por unha mutación no xene Mecp2 ligado ao cromosoma X. Un trastorno xenético neurolóxico e de desenvolvemento que provoca a perda progresiva das capacidades motoras e da fala.
A Campaña Solidaria ten o obxectivo de recadar fondos que irán destinados á Asociación Nacional De Investigación A miña Princesa Rett, asociación á que pertence a pequena Elena.
Para iso colocarase unha hucha nunha gran parte dos establecementos asociados a Cohempo, un total de 78 negocios participantes. Os socios participantes na campaña estarán identificados cun cartel.
Calquera persoa interesada en colaborar coa investigación desta enfermidade poderá facelo facendo uso das huchas habilitadas para tal fin desde o 29 de febreiro e ata o 31 de xullo.
Este mércores día 28 de febreiro ás 10:30h na oficina de Cohempo terá lugar a presentación da campaña xunto a Elena e a súa familia, antes de dar comezo á repartición das huchas.