Cohempo impulsa a campaña de San Valentín 'Póker de Cupido' para fomentar o comercio local nas Pontes

TerraChaXa
As persoas participantes deberán realizar compras superiores a 10 euros nalgún dos negocios adheridos á campaña e conservar o tícket
campana-san-valentin-cohempo
13 Feb 2026

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) puxo en marcha unha nova campaña de dinamización comercial con motivo de San Valentín baixo o lema Póker de Cupido, que se desenvolve ata este sábado, 14 de febreiro, nas Pontes.

A iniciativa busca incentivar as compras no comercio local coincidindo coa celebración do Día dos Namorados, convidando á veciñanza a apostar polos establecementos asociados. As persoas participantes deberán realizar compras superiores a 10 euros nalgún dos negocios adheridos á campaña e conservar o tícket correspondente.

O sábado 14 de febreiro, os clientes poderán achegarse co seu comprobante de compra ao Mercado Municipal, onde terán a oportunidade de participar nun xogo de cartas e optar a distintos premios. Entre os agasallos previstos atópanse bonos relax, escapadas, ceas, vales agasallo e outras sorpresas.

Desde Cohempo destacan que esta acción combina o espírito lúdico de San Valentín coa promoción do comercio de proximidade, poñendo en valor a importancia de mercar no local como motor económico e social do municipio. A campaña conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da iniciativa Comercio Galego, e do Concello das Pontes.

⚙ Configurar cookies
0.077731847763062