Cohempo pecha a campaña Merca nas Pontes 2025 cun sorteo especial e unha ampla participación cidadá

A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) puxo o broche final á súa Campaña de Nadal Merca nas Pontes 2025 cun sorteo especial de escaparates que converteu a xornada nun día marcado pola participación e o apoio ao comercio local. O acto desenvolveuse nun ambiente festivo e de grande implicación por parte da veciñanza, como reflicten as imaxes difundidas pola entidade.
No sorteo, realizado a través da aplicación de Cohempo entre máis de mil tickets de compra rexistrados, correspondentes a 350 clientes distintos e máis de 40 establecementos, resultou gañadora dun iPad Air de 256 GB Mari Luz Corral Fraga, cun tícket do establecemento La Estrella. O Premio Especial do Escaparate, valorado en máis de 6.000 euros e que incluía unha e-bike, unha televisión de 75 polgadas, un iPhone e unha consola PS5, foi para Sergio Durán Castro, cunha papeleta de A Despensa do Bañal.
Ademais, Ángeles Tojeiro López, cun tícket de Farmavida, fíxose cun vale de compra de 300 euros, mentres que Sonia Bernat Fernández, José Ramón Otero Vérez, Alenis Rodríguez e Julia Prieto Ares recibiron vales de compra de 50 euros cada un. Durante a xornada tamén se sortearon dez bolsas de tea co lema Orgullo Pontés entre as persoas participantes.
Desde Cohempo destacan que ao longo da campaña repartíronse máis de 70.000 papeletas, "un dato que evidencia a resposta da cidadanía e o compromiso co comercio de proximidade". A asociación agradeceu a participación de todas as persoas que tomaron parte nas actividades e reiterou a súa aposta por seguir impulsando iniciativas que dinamicen a economía local das Pontes.