Colectivos comarcais súmanse á mobilización contra as eólicas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro sábado, 11 de decembro, a Coordinadora Eólica Así Non, apoiada en máis de 170 colectivos.
mobilizacion eolicos galicia portada
2 Dec 2021

Con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro sábado, 11 de decembro, a Coordinadora Eólica Así Non, apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galiza, convoca á sociedade galega a unha nova gran mobilización "fronte a actual invasión eólica".

A Coordinadora Eólica Así Non escolle esta data polo seu carácter especialmente simbólico "na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país" e que discorrerá baixo o lema Na defensa das montañas. Eólica Así Non.

Segundo explican nun comunicado, as montañas galegas son as principais vítimas "desta aloucada e caótica vaga eólica que estamos a vivir ao constituír os lugares preferentes polas promotaoras para colocar os seus megaproxectos eólicos, despoxándoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico para pasaren a ser meros polígonos industriais ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico".

Engaden que os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación no país, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, que se suman aos 186 proxectos xa en funcionamento, terían un impacto "singular e irreparable" no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar, incluso, "poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país".

Engaden que a rede de montañas galega abastece a meirande parte da demanda de auga e alimentos do país e está conformada por verdadeiros santuarios de biodiversidade, que aínda preservan endemismos e hábitats "de especial interese para a súa conservación na loita contra o quecemento global", como poden ser as brañas, lagoas, bosques húmidos, turbeiras....

Indican que tamén son o refuxio de especies de flora e fauna singulares, dos grandes mamíferos ameazados ou en perigo de extinción, de aves, morcegos e outras especies que son garante do equilibro ecolóxico de Galiza. "As montañas tamén representan as nascentes dos 1 ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos,e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, etc", din.

Consideran polo tanto que a actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas, os de montaña, que son fundamentais para a vida. "Na Galiza, caracterizada por unha grande dispersión poboacional e unha forte identidade rural, as montañas son tamén fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas".

"Desde o primeiro chamamento social masivo que se fixo en Galiza por unha moratoria eólica, que se evidenciou na marcha reivindicativa do pasado 5 de xuño en Santiago de Compostela, nin a Administración galega nin a estatal fixeron nada para frear esta vaga incesante de proxectos eólicos en tramitación, contribuíndo coa súa indiferencia a favorecer aínda máis unha ameaza sen precedentes contra o noso territorio. Hoxe en día, xa son máis 300 os megaproxectos eólicos que están en tramitación, e que en total proxectan 10.000MW de potencia, o que equivalería ao 43% do obxectivo en potencia eólica para o 2030 en todo o Estado español. Lembramos ademais, que Galiza exporta máis do 30% da electricidade que produce", subliñan.

Por tanto, o vindeiro 11 de decembro, a Coordinadora Eólica Así Non retomará as reclamas xa expresadas o pasado 5 de xuño na Praza do Obradoiro de Compostela a través do manifesto Eólica Así Non. "Volveremos facer fincapé na necesidade cada vez máis urxente de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado, ata que non se derroguen o desfasado Plan Sectorial Eólico de Galiza e as Leis de depredación (Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e Lei de simplificación administrativa), e se deseñe, de forma participada, outra planificación eólica máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental", indican.

O vindeiro 11 de decembro, Día das Montañas, a coordinadora promoverá unha mobilización descentralizada por áreas xeográficas especialmente afectadas pola actual vaga eólica, desta volta, co obxectivo de dar especial visibilidade ás plataformas e colectivos da veciñanza que viven nos territorios máis directamente afectados por esta enxurrada incesante de proxectos eólicos. A

sí pois, realizaranse concentracións como mínimo en 22 enclaves repartidos nas catro provincias galegas, situados nas localidades luguesas de Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba (provincia de Lugo), así como noutras do resto das provincias.

A meirande parte dos actos de mobilización terán formato de concentración reivindicativa na que se lerá o manifesto Eólica Así Non, e nalgúns casos, como o de Bembibre, Cerdedo, A Lama, Mazaricos, Ferrol, Antas de Ulla ou Gondomar, prevense subidas ao monte ou percorridos a pé a modo de manifestación.

Algunhas das convocatorias previstas acollerán outros actos complementarios como recitais poéticos, chocolatadas, magostos, performance ou palestras. A mobilización Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non estará secundada por máis de 170 colectivos, plataformas e entidades galegas de carácter ecoloxista, veciñal, social, cultural, sindical ou político, que forman parte da coordinadora Eólica Así Non.

concentracion mobilizacion eolicos

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15129399299622