Colectivos Feministas da Terra Chá convoca unha xornada en Vilalba polo 8M


A Marcha Mundial das Mulleres vén de presentar a campaña que desenvolverá ao longo deste ano 2025 en torno á celebración e reivindicación do seu 25 aniversario como organización feminista en Galicia e no mundo.
A Marcha Mundial das Mulleres naceu no ano 2000 en resposta a un chamado á movilización mundial das feministas anticapitalistas do mundo por parte das compañeiras do Quebec. "Cando aínda non existían os fenómenos virais nin as posibilidades que hoxe existen de organización a nivel global feministas de todos os continentes uniron a súa voz para loitar contra a violencia machista e o empobrecemento das mulleres", explican.
Naquela altura o feminismo galego respondeu a este chamado constituíndo a Coordenadora Nacional Galega da Marcha que leva 25 anos traballando a nivel local e internacional en pé de igualdade con mulleres de máis de 60 países, elaborando análises colectivas e tamén trasladando a realidade e as alternativas feministas das mulleres galegas ao resto de compañeiras do mundo.
Os colectivos feministas da Terra Chá organizaron unha completa programación para celebrar este 8 de marzo o Día Internacional das Mulleres Traballadoras en Vilalba. Baixo o lema En marcha para transformar a vida das mulleres, a xornada contará con diversas actividades ao longo do día.
A partir das 11:00 horas, a Casa da Cultura de Vilalba acollerá unha Benvida e café-coloquio. Ás 13:00 horas, terá lugar unha concentración na Praza da Constitución, onde se procederá á lectura do manifesto reivindicativo do 8M.
O programa continuará ás 14:00 horas cun xantar compartido, que se celebrará no Centro Sociocomunitario de Benestar de Vilalba (é necesario reservar previamente). Pola tarde, ás 16:00 horas, realizarase a actividade Xogando a feminismos no tempo na Casa da Cultura, e ás 17:30 horas, pecharase a xornada cun Videoforum no mesmo lugar.
