Colexios da Coruña e Lugo participan na fase autonómica do programa Observa_Acción
Un total de 36 centros educativos galegos intercambiarán boas prácticas docentes ao abeiro da fase autonómica do programa Observa_Acción da Xunta, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que fomenta a aprendizaxe conxunta entre o profesorado a través do intercambio de experiencias e a observación entre iguais.
O programa, moi valorado polo profesorado, configúrase como un modelo de formación baseado na observación tanto a nivel interno dos propios centros como en colaboración con outros de dentro e de fóra de Galicia. Isto permite aprender novas estratexias de ensinanza, novos enfoques pedagóxicos e xestión da aula. Isto é, a través da súa participación no programa, os docentes coñecen e comparten outras realidades educativas que despois poden aplicar nos seus colexios e institutos.
En concreto, o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, ao tempo que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, xeitos de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros e impúlsase o traballo en equipo.
Ademais, favorece a internacionalización na medida en que se abren as portas a proxectos transfronteirizos, tecendo redes de intercambio tanto entre docentes como entre equipos directivos de centros con proxectos comúns que propician o apoio mutuo e permanente.
Dúas fases do programa
O programa, enmarcado nas accións de formación do profesorado do Goberno galego, organízase nun itinerario de dous cursos escolares. Ao longo do primeiro curso, desenvólvese a fase autonómica, que vén de resolverse agora e que é obrigatoria para todos os centros participantes. Esta fase divídese á súa vez na etapa Comparte, de observación entre docentes do mesmo centro educativo, e a etapa Acolle, de observación entre centros da nosa comunidade.
No segundo curso desenvolverase a fase interautonómica ou Fase Internacional sendo voluntaria para os centros que a elixan. Na fase interautonómica, a observación realizarase entre equipos docentes con centros educativos doutras comunidades autónomas (Castela e León, Madrid, Estremadura, Aragón, A Rioxa, Murcia e Cantabria) e na fase internacional a observación consistirá na colaboración con centros educativos doutros países asociados (Escocia, Francia, Portugal, Italia, Finlandia, Estonia, Lituania e Alemaña, entre outros).