Colocan a pedra no chan na praza de España de Rábade
O Concello de Rábade continúa a traballar nas obras de recuperación do espazo da Praza de España "que estaba completamente abandonado e que non podía ser usado polos veciños e veciñas debido ao seu mal estado", segundo explicaron desde o Concello.
Os operarios colocan estes días a pedra do chan, despois de levar a cabo outros traballos previos.
Segundo indica a alcaldesa, Remedios González, “a partir de agora será un espazo accesible, que deixará atrás unhas instalacións obsoletas e mal coidadas que nos obrigaron a facer unha actuación de emerxencia en canto obtivemos os permisos pertinentes”.
Así, o Goberno local ten como obxectivos a eliminación do vertedoiro no que se tiña convertido a antiga fonte, repoñer as árbores orixinais, magnolios, e a iluminación con farolas de fundición, ao tempo que recuperará a zona como espazo público para uso e desfrute dos veciños e veciñas.