Colocan sinais de limitación de tonelaxe na ponte de Uriz de Begonte
A Deputación de Lugo procederá mañá á instalación de sinalización horizontal de limitación de tonelaxe para garantir a seguridade viaria na ponte de Uriz, en Begonte, situada á altura do punto quilométrico 2,6, da estrada provincial LU-P-5101, que vai desde Rábade a Friol. Para poder acometer estes traballos, manterase durante toda a xornada cortado o paso por esta ponte que salva o río Ladra á circulación de tráfico, cos desvíos debidamente sinalizados.
Estas actuacións cumpren co avanzado polo Presidente, José Tomé Roca, responsable directo de Xestión Territorial, quen adoptou a decisión de proceder ao pintado de sinais horizontais indicativas de limitación de tonelaxe despois de que as sinais verticais foran arrincadas de maneira reiterada.
A ponte de Uriz data de entre finais do século XVIII e comezos do XIX e atópase recollida no Inventario de Pontes Históricas de Galicia. En abril de 2016 produciuse un afundimento da calzada provocado por danos estruturais existentes no segundo arco e no muro de carga. A súa gravidade motivou que a Deputación procedese á súa reparación mediante unha actuación de emerxencia, que rematou en xuño de 2016 e que tivo un custe de preto de 91.500€.
Así mesmo, en agosto do pasado ano, apareceu inmediatamente antes da ponte un socavón, debido a danos existentes nunha obra de drenaxe que se atopa antes do viaducto, do lado de Begonte. A Deputación reparouno encargando os traballos á adxudicataria da conservación na zona.
Segundo informan os técnicos da Deputación, a análise dos danos descritos fixo pensar que existe unha relación directa co elevado tráfico de vehículos pesados, xa que estas estruturas non foron concibidas para soportar cargas tan altas, nin polo seu deseño, nin polos materiais de construción. Por esta razón, procedeuse á instalación de sinais para limitar a tonelaxe, que, sen embargo, foron arrancadas en dúas ocasións, descoñecéndose a identidade dos infractores. Por iso, agora, para reforzar a seguridade, ademais de colocar de novo sinalización vertical, tamén se pintan marcas viarias de limitación de tonelaxe.