Coloquio nas Pontes para abordar a prevención do acoso escolar no ámbito educativo e familiar

TerraChaXa
Durante o encontro analizaranse tamén as consecuencias emocionais que padecen as vítimas, así como os principais sinais de alerta
charla-acoso-escolar-as-pontes
23 May 2025

Este luns, 26 de maio, ás 18:00 horas, terá lugar no soto da Casa Dopeso das Pontes o coloquio Educar para convivir: prevención do acoso nas aulas, enmarcado dentro do programa Espazo en Familia. Esta actividade pretende ofrecer un espazo de reflexión e información arredor da problemática do acoso escolar, abordando a súa realidade actual, as características que o definen e os distintos roles que poden asumir as persoas implicadas.

Durante o encontro analizaranse tamén as consecuencias emocionais que padecen as vítimas, así como os principais sinais de alerta que deben ter en conta tanto as familias como o persoal educativo para poder detectar e actuar con antelación ante estas situacións.

As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición escaneando o código QR do cartel informativo ou acudindo directamente ao Departamento de Servizos Sociais, situado no segundo andar da Casa Dopeso. Para máis información, está dispoñible o correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com ou o número de teléfono 606 706 088.

Esta proposta busca reforzar o papel das familias como axentes clave na construción de contornas educativas seguras, respectuosas e libres de violencia.

⚙ Configurar cookies
0.057094097137451