Comeza a actividade da sede da UDC en As Pontes

TerraChaXa
24 Xan 2019

Esta tarde botaba a andar a actividade da sede permanente da Universidade de A Coruña en As Pontes co acto inaugural do programa formativo para maiores de 50 anos, promovido polo Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente e a Universidade Sénior.

Esta primeira acción formativa, na que participan 60 veciños e veciñas de As Pontes, e que se desenvolverá, todos os mércores, de 17:00 a 19:00 horas, ata o mes de abril, na Casa Dopeso, contou na súa xornada de apertura coa presenza de Montserrat García Chavarría, concelleira de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local e Matilde García Sánchez, directora da Universidade Sénior.

García Chavarría agradeceu a presenza ós asistentes e convidounos a sacarlle o máximo partido a estas xornadas que “teñen como obxectivo prioritario facer que o coñecemento vaia máis aló das aulas universitarias para achegar á veciñanza con inquedanza por aprender, ás persoas que non tiveron a oportunidade de formarse, unha ferramenta de crecemento formativo, cultural e social que permitirá, asemade, promover envellecemento activo entre os ponteses e as pontesas”.

A concelleira tamén subliñou a importancia de que As Pontes conte cunha sede permanente da UDC “para facer fronte ós retos do futuro, coa mirada posta na veciñanza máis nova, apostando pola formación vencellada á sustentabilidade e ó sector enerxético para espertar nos rapaces e rapazas da vila as vocacións tecnolóxicas, lograr que se vinculen a sectores produtivos en auxe e, deste xeito, facer da nosa vila unha referencia no sector da innovación, da tecnoloxía e do desenvolvemento sustentable”.

Baixo o lema “Compartir experiencias e coñecemento” ó programa formativo articúlase entorno a tres módulos centrados en aspectos relacionados coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade social e económica, dentro de ámbitos como a historia, a sociedade, a bioloxía ou a educación, e a promoción de hábitos saudables, a prevención de riscos, a nutrición e a actividade física.

Cada seminario inclúe tres sesións teóricas, impartidas por profesores de la UDC, e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese tales como Sargadelos ou o Lago de As Pontes así como un obradoiro para aprender a controlar a tensión e fomentar o benestar persoal.

Convenio colaboración
Esta primeira acción formativa ponse en marcha ó abeiro do convenio marco de colaboración académica, científica e cultural asinado, fai unhas semanas, polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso e o reitor da UDC, Julio Abalde.

O acordo entre ambas institucións, que permite a creación dunha sede permanente da Universidade da Coruña en As Pontes, ten como obxectivo prioritario facilitar o acceso da veciñanza á formación académica regrada e non regrada, relacionada coa sustentabilidade e co sector enerxético, impartida pola UDC.

Este acordo tamén permitirá promover actividades de investigación, divulgación e transferencia científica e actividades de extensión universitaria nos ámbitos cultural e deportivo así como calquera outra iniciativa relacionada coa innovación, o ámbito tecnolóxico e o enerxético, para todos os grupos de idade e niveis de formación.

0.12090015411377