Comeza a liberación de libros nas rúas das Pontes
O concello de As Pontes, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, liberou preto de 1.000 exemplares no municipio co obxectivo de fomentar, durante todo o ano, a paixón pola lectura entre os veciños e súmase, deste xeito, ó movemento mundial do bookcrossing.
Obras de literatura infantil e xuvenil, novelas, libros de poesía, arte, ensaio ou clásicos da literatura, pertencentes ó fondo da Biblioteca Municipal, están, desde hoxe, a disposición de todos os ponteses nas Casiñas de Libros instaladas no parque da Fraga, na zona de lecer infantil da Canle IV, no novo parque de Lesneven, na praza do Hospital e no Parque Municipal, ó carón da zona de ocio infantil.
Todos os veciños que o desexen poderán achegarse ata estas mini bibliotecas e botar man, de forma gratuíta, dos exemplares depositados polo goberno local e gozar da súa lectura. Despois poderán quedar cos libros ou liberalos, de novo, deixándoos nas casiñas de madeira para que poidan ser lidos por outro veciños.
Desde o Concello, a tenente de alcalde, Montserrat García subliñou que: “a través das Casiñas de Libros buscamos promover e fomentar a lectura entre todos os veciños, especialmente entre os máis novos, pero tamén queremos incentivar a participación activa dos veciños na cultura”.
E nese sentido, García Chavarría invitou a todos os veciños a colaborar nesta iniciativa; animándoos a liberar os seus libros e a compartir con outros veciños a súa paixón pola lectura para así, entre todos, converter a As Pontes nunha grande biblioteca ó aire libre.
As casiñas estarán instaladas de forma permanente e os exemplares depositados iranse repoñendo segundo sexa necesario. O goberno local ten previsto instalar, nos vindeiros meses, novas casiñas de libros para que todos os veciños poidan gozar desta iniciativa deseñada polo Concello de As Pontes para fomentar a paixón polos libros.
Por outra banda, a tenente de Alcalde, Montserrat García e o concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, asistiron á inauguración da nova biblioteca do CEIP da Fraga. O concello de As Pontes colaborou nas obras de reforma e acondicionamento deste novo espazo de lectura deseñado para achegar ós ponteses máis novos ó mundo dos libros.