Comeza a limpeza estradas de Lourenzá e Meira e continúan na vía rápida de Lugo a Sarria
Comezan hoxe novas tarefas de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas nas provincias de Pontevedra, da Coruña e de Lugo, obras que están ao cargo da empresa pública Seaga, que realizar tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria.
No marco destas actuacións, esta semana inícianse estes traballos nos tramos das estradas LU-160 e LU-122 en Meira e en Lourenzá, ademais de na PO-531 ao seu paso polos municipios de Vilanova de Arousa, de Meis, de Barro e de Pontevedra, e na autovía AG-64 en Narón.
Tamén continuarán os traballos nas vía de altas prestacións da CG-2.2, en Lugo e Sarria; VG-4.4 entre Lourizán e Ardán, nos concellos de Pontevedra e de Marín; e na VG-1.2 Cee-Sardiñeiro, en Fisterra.
As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.