Comeza a plantación de árbores no xardín do Belén de Begonte

TerraChaXa
Dirixido polo profesor da USC Antonio Rigueiro, colaboran na súa creación e coidado o CEIP Virxe do Corpiño e o Concello
plantacion-arbores-xardin-do-belen
12 Apr 2025

Comezou a plantación de árbores no Xardín do Belén, unha iniciativa do profesor emérito da USC Antonio Rigueiro, xunto co Belén, o CEIP e o Concello de Begonte, que bota así a andar permitindo que os enfeites do Belén se fagan con plantas autóctonas, obtidas nesta superficie arborada, que se sitúa nas inmediacións do colexio e na futura escola infantil.

O profesor Antonio Rigueiro Rodríguez, enxeñeiro de Montes e catedrático Emérito da USC, foi premiado no Certame de Xornalismo de Begonte polo traballo Begonte do Belén e os enfeites vexetais do Nadal.

No traballo, e en posterior conversa coas xentes do Belén, aconsellou mellorar a ornamentación vexetal desta instalación evitando especies non autóctonas de Galicia (buxo, ciprés de Lawson ou tulla) e utilizando especies que medran nos montes galegos: acivro ou xardo; xarda, xibarda ou rascacú; érbedo ou morodeiro, e loureiro común.

Na conversa co profesor, no Centro impulsor do Belén chegouse á conclusión de que sería moi boa iniciativa crear o Xardín, no que plantar e coidar especies como acivro femia, loureiro, érbedo e xarda femia, para dispor destas plantas sen prexudicar as súas poboacións naturais, acompañadas de outras árbores caducifolias da Terra Chá, como carballos, salgueiros, cerqueiros, castiñeiros ou bidueiros, cuxas poliñas, con follas secas ou sen follas, poden tamén ornamentar o Belén, achegando a súa fisonomía á paisaxe da contorna.

O Concello foi o encargado de achegar un terreo inmediato ao colexio, polideportivo e escola infantil, e realizou os traballos de preparación e delimitación, ademais de facilitar as árbores e plantas que se precisen.

Por parte do CEIP de Begonte, un grupo de alumnos e alumnas, co impulso e control do profesorado e dirección do centro, coidarán o seu xardín e colaborarán no enfeite vexetal do belén e do seu museo.

⚙ Configurar cookies
0.15977311134338