Comeza a primeira edición de Vilalba de Tapas ambientada cos Cantos de Taberna
O Concelleiro de Turismo e Comercio, Modesto Renda, e o representante de hostalería na Asociación de Empresarios Sete Pontes, Manolo Silvosa, presentaron na sede da asociación a I edición do Vilalba de Tapas, que se celebrará do 26 e o 29 de setembro, coincidindo cunha nova edición da xuntanza Cantos de Taberna, o sábado 28.
Deste xeito, aos 14 establecementos asociados que de xoves a domingo tomarán parte no concurso que definirá á mellor tapa cómpre sumarlle outros 19 que abrirán as súas portas aos Cantos de Taberna, co fin de dinamizar a oferta turística e de ocio da vila, ao tempo que se pon en valor o traballo do sector hostaleiro.
Modesto Renda contextualizou a iniciativa lembrando que “o gastronómico constitúe o novo elemento de “tirón” para o sector turístico e os datos relativos ao aumento en máis do 30% do Turismo Gastronómico, falan ás claras dunha oportunidade que xa souberon ver outros municipios e que Vilalba non pode deixar pasar.”
Neste sentido, explicou que o Concello repartirá dende a Oficina Municipal de Turismo e nos establecementos participantes uns “flyers ou cuartillas informativas” co mapa específico da ruta do Vilalba de Tapas e anunciou ao Chef, Estrela Michelín e referente da cociña galega, Pepe Solla, e ao presentador do Programa da TVG Larpeiros, Adrián Díaz, coma membros do xurado especializado.
Na mesma liña se pronunciou o representante de hostalería na Asociación de Empresarios Sete Pontes, Manolo Silvosa, quen agradeceu ao Concello a súa implicación na organización do evento e puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar unha vila coas potencialidades da de Vilalba, así como a hostalería local, en tanto que sector económico “fundamental”.
Silvosa, que lembrou o prezo único das tapas a 1,50 euros, foi o encargado de presentar o horario de servizo das mesmas (de 13 a 15h e de 20 a 23h en todos os establecementos) e a propia dinámica da competición, explicando que as 3 tapas máis votadas pola xente pasarán á final, a celebrar na tarde do venres día 4, na que se someterán ao criterio do xurado.
Por último, anunciouse o horario dos Cantos de Taberna, os grupos participantes e as actividades e concertos específicos para o sábado. No Cómbaro (As Pontes); Os Sobraos (Bergondo); Os Folieiros (A Coruña); Rebolaxe (San Cibrao); Caivanca (Lugo); e os locais Mestura de Nete; Batifoula; Buxos Verdes; Entre Lusco e Fusco; B.G Mato Vizoso e A.C Andrade amenizarán de 12:30 a 15 horas.
Os obradoiros de baile e percusión na praza da Constitución a partir das 18:00 horas, a cargo de Ricardo García e Luis Quelle, darán paso ás actuacións de Malvela (21:30h e programada polo Concello) e da Banda do Ruído (23:00h e programada polo grupo organizador da xuntanza: Buxos Verdes).
Os establecementos participantes na I edición do Vilalba de Tapas son Xoldra, Oasis, Alborada, Cristal, O Porrón, A Casa do Lobo, Centro Cultural, Mesón o Carballo, Puro Teatro, Parador, Stama,A Taberna, Lembranzas e o Mesón do Campo.