Comeza a recollida de sinaturas para a mellora de servizos no centro de saúde das Pontes

O grupo de Goberno do concello das Pontes, acompañado por representantes das ANPAS da localidade, achegáronse ata os centros educativos da vila para recoller firmas para esixirlle á Xunta de Galicia o servizo de raios X e a cobertura total e a tempo completo das dúas prazas de pediatría asignadas ao centro de saúde das Pontes.
Esta medida encádrase dentro das accións postas en marcha polo Goberno local para reclamar este servizo asistencial que evitaría os desprazamentos dos veciños e veciñas das Pontes aos centros sanitarios de Ortigueira, Pontedeume e Ferrol para realizar unha proba radiográfica e evitar que os menores de 14 anos da nosa vila teñan que ser derivados, en moitas ocasións, aos servizos de atención pediátrica de Ferrol ou ao servizo de urxencias da área sanitaria por falta de persoal médico especializado en pediatría no centro de saúde.
Todas aquelas persoas que queiran asinar esta petición, teñen á súa disposición, follas de sinatura no Rexistro Municipal.