Comeza a reparación da ponte de Chao do Cobo de Abadín, que caeu durante o temporal Herminia

TerraChaXa
Está previsto substituír o tubo danado por unha peza prefabricada de formigón en formato cadrado, garantindo así unha solución resistente e duradeira
obras-estrada-abadin-temporal
3 Feb 2025

Deron comezo en Abadín os traballos de reconstrución da ponte situada en Chao do Cobo, na estrada que conecta coa Igrexa de Labrada. A infraestrutura resultou gravemente afectada tras o paso da borrasca Herminia, o que obrigou ao corte total do tráfico na zona por razóns de seguridade.

Os equipos municipais xa están a traballar de forma intensiva para restablecer canto antes a seguridade e facilitar a circulación de vehículos. Segundo o Concello, está previsto substituír o tubo danado por unha peza prefabricada de formigón en formato cadrado, garantindo así unha solución resistente e duradeira.

O Concello agradeceu a paciencia da veciñanza durante as obras e pediu extremar a precaución a todos aqueles que transiten polas inmediacións da área afectada. Agárdase que os traballos avanzan rapidamente para minimizar as molestias na zona.

0.17964911460876