Comeza a segunda edición do proxecto socioeducativo Espazo en Familia
O Concello das Pontes pon en marcha, o luns, de 10 outubro, a segunda edición do programa de apoio socioeducativo Espazo en Familia dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados nos centros educativos das Pontes.
Unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e fillas e poder abordarlas con éxito e que , segundo palabras da concelleira de Educación, Tania Pardo “busca que as familias que participen neste programa, coa axuda de profesionais no ámbito da educación social, da terapia familiar e da psicoloxía e educación intantil, aprendan a desenvolver accións de crianza postiva que faciliten e promovan o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”.
O programa, no que se establecen diversos grupos de traballo, dirixidos ás familias con fillos e fillas menores escolarizados nas distintas etapas educativas, a través de sesións grupais e individuais e accións de formación, abordará nesta segunda edición temáticas como a conciliación e autocoidado familiar, a xestión dos momentos de crise (divorcios, separacións...) ou a xestións de conflitos e rabietas.
Haberá tamén formación para as familias centrada en aspectos como rol da familia no deporte, a educación para o consumo ou as condutas aditivas relacionadas coas novas tecnoloxías así como charlas sobre afectividade e a sexualidade.
Así mesmo, Espazo en Familia tamén está orientado a mellorar as técnicas de comunicación e negociación, aprender a criar aos fillos e fillas de forma segura fomentando a autoestima e o apego así como aprender a crear unha conexión emocional e influir positivamente nos nenos e nenas.
O programa Espazo en Familia arranca o día 10 de outubro, ás 18:30 horas, na Casa Dopeso, cun coloquio sobre conciliación e autocoidado nas familias no que se abordarán cuestións como o manexo do estrés, o coidado das relacións sociais, a escoita activa ou a adaptación aos cambios para fomentar o benestar, tanto físico como emocional, da unidade familiar.
Todas as familias interesadas en participar neste coloquio sobre Benestar e Saúde Emocional na adolescencia poden inscribirse nesta ligazón no teléfono 622155806 ou no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com