Comeza en febreiro a sétima edición de BTTeando por Guitiriz
O Concello de Guitiriz, en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe, anunciou a sétima edición do programa BTTeando por Guitiriz, que este ano contará con sete saídas en total.
A actividade, que se está a asentar nos últimos anos con moito éxito entre a veciñanza, consiste na realización dunha serie de rutas en bicicleta polos sitios máis característicos do municipio, ademais doutros percorridos por diferentes vilas.
O programa dará comezo o domingo 9 de febreiro coa Ruta da Ruxida, con saída programada ás 10:00 horas desde o Campo da Feira de Guitiriz, mesmo punto onde será a chegada. Como sempre, esta ruta está aberta ao público en xeral, pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco, así como aconsellable equiparse cunha peza de froita e levar auga.
Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe. As inscricións estarán abertas ata o xoves anterior a cada saída programada, neste caso ata o xoves 6 de febreiro.
Ademais desta ruta, o programa recolle este ano outras seis diferentes, sendo as seguintes a Ruta Á Cova da Serpe (16 de marzo), a Ruta e Feira en Parga (13 de abril), A Chave de Bascuas (11 de maio), O Lado Escuro (12 de outubro), a Ruta Gravel Guitiriz (16 de novembro) e a Ruta de Nadal (14 de decembro). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible.