Comeza en Guitiriz 'Xeracións que xogan', un encontro a través do xogo e a tecnoloxía


O Concello de Guitiriz arranca na Escola Habanera o proxecto Xeracións que xogan, unha iniciativa que ten como obxectivo fortalecer os lazos interxeracionais a través do xogo e da tecnoloxía, promovendo o intercambio de experiencias lúdicas, a transmisión dos xogos tradicionais e a familiarización coas novas tecnoloxías de entretemento.
O proxecto xorde como unha proposta para crear espazos de encontro entre persoas maiores e a mocidade no medio rural, fomentando unha aprendizaxe bidireccional na que todas as xeracións teñen algo que achegar. Nun contexto marcado pola fenda dixital e polo risco de illamento social, especialmente entre a poboación maior, Xeracións que xogan aposta pola cohesión social e tecnolóxica, combinando tradición e innovación.
Durante as distintas sesións previstas, as persoas maiores compartirán xogos tradicionais e de cartas, mentres que os nenos e nenas introducirán ás xeracións máis adultas no uso de videoxogos e dispositivos tecnolóxicos como tabletas, consolas ou ordenadores. Deste xeito, as persoas maiores gañan autonomía e confianza no uso das novas tecnoloxías, e a mocidade descobre o valor do xogo tradicional e da memoria cultural.
As primeiras sesións serán este xoves, de 12.30 a 14.00 horas e o venres de 11.15 a 12.15, a primeira na Escola Habanera e a segunda no Centro de Día. O martes 24 volverase á acción e o venres 27 terá lugar a última sesión do mes no CEIP Santo Estevo de Parga.
O proxecto iniciouse coas charlas de captación de voluntariado e está previsto que continúe ata o próximo mes de maio, con diversas charlas e sesións de xogo nas que participarán múltiples asociacións e institucións do municipio. Entre elas atópanse a Biblioteca Pública Municipal, o Centro de Día Casa do Capataz, os tres centros educativos de Guitiriz, a Asociación de Xubilados, a Asociación de Amas de Casa, varios comerciantes locais, a asociación ALUME, a Asociación Xermolos e as ANPA dos dous colexios.
Todas aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 982 370 062 ou escribindo ao correo electrónico voluntariado@concellodeguitiriz.com.
O proxecto será desenvolvido pola responsable da Biblioteca Municipal e da Aula CeMIT, Ana María Pérez. Xeracións que xogan é un proxecto de voluntariado interxeracional no medio rural, vinculado co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, para o ano 2026, e conta tamén coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.