Comeza en Meira a campaña da DXT para a protección do peón

TerraChaXa
A subdelegada do Goberno, o alcalde de Meira e o xefe provincial de Tráfico acompañan aos axentes no reparto de chalecos reflectantes
CHALECOS REFLECTANTES MEIRA
15 Dec 2021

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, fixo un chamamento aos peóns para que tomen todas as medidas de autoprotección que son especialmente importantes durante os meses de inverno nos que a falta de luz e o mal tempo diminúen a visibilidade. Realizou esta advertencia durante a presentación dunha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico de reparto de chalecos reflectantes para axudar aos peóns a aumentar a súa visibilidade.

Isabel Rodríguez acompañou aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que comezaron en Meira o reparto dos chalecos reflectantes da Dirección Xeral de Tráfico. No acto participaron tamén o alcalde de Meira, Antonio de Dios; o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e o tenente da Garda Civil de Tráfico, José Manuel López Santiso.

Rodríguez explicou que coa campaña, na que se van repartir 500 chalecos reflectantes entre este mes e o de xaneiro, preténdese sensibilizar aos usarios da vía, tanto peóns como condutores, sobre a importancia de ver e ser vistos, así como de cumprir as normas de circulación.

O obxectivo é loitar contra o goteo de peóns que son vítimas de atropelos nas estradas da provincia.
No que vai de 2021 rexistráronse 18 accidentes por atropelo nas estradas e travesías lucenses, dos case 100 computados no conxunto da Comunidade Autónoma. A esa cifra hai que sumar outros 40 atropelos en vía urbana. En 2019 contabilizáronse un case 70 accidentes nos que resultaron afectados peóns e case outros 50 o ano pasado.

Aínda que a maior parte dos atropelos con vítimas teñen lugar en vías urbanas (entre o 70 e o 76% durante os tres últimos anos), as consecuencias máis graves rexístranse na estrada convencional. Así, por desgraza, cada ano seguen morrendo peóns nas estradas e travesías da provincia. Foron 4 os falecidos en 2019, 2 durante 2020 e 2 no que vai de 2021. Mentres que en zona urbana apréciase unha tendencia descendente: 1 persoa en 2019, ningunha en 2020 nin no que vai de ano. Hai que remontarse a 2017 para computar dúas vítimas mortais.

O número de feridos hospitalizados este ano é similar en vías urbanas e fóra delas: 6 e 5, respectivamente. Aínda que se rexistran máis vítimas feridas non hospitalizadas en vías urbanas, tamén se aprecia un descenso, probablemente debido aos novos límites de velocidade e as medidas de acougado do tráfico introducidas por moitas localidades. Con todo, mantense relativamente constante en estradas e travesías. En total rexistráronse 44 persoas feridas o ano pasado e 82 en 2019, mentres que se contabilizaron 57 ata o 8 de decembro de 2021.

Se en vías interurbanas o tipo de accidente máis habitual é o atropelo nun paso de peóns sinalizado, na estrada a casuística é máis variada. A solución pasa necesariamente polo compromiso de peóns e condutores para facerse visibles, manter a atención e cumprir as normas en todo momento.

A IMPORTANCIA DE FACERSE VER

Facerse ver é vital, especialmente cando se circula en vías sen beirarrúas e en condicións de escasa luminosidade, non soamente de noite senón ao amencer, á tardiña ou en calquera día de mal tempo, o que na nosa provincia equivale a gran parte do inverno.

Segundo os datos que manexa a Dirección Xeral de Tráfico, de noite ou con mal tempo, a distancia á que o condutor detecta a presenza dun peón pode ser de soamente de 20 metros se o peón viste roupa escura e a vía non dispón de iluminación artificial. Esa distancia sobe a uns 40 metros se leva roupa de cores claras, pero poñer o chaleco reflector increméntaa a máis 150 metros.

Se temos en conta que un vehículo que circula a 60 km/ h percorre case 17 metros por segundo, que son 22 a 80 km/ h e 25 a 90 km/ h -límite de velocidade xenérico en vías interurbanas- e que a distancia de detección con firme seco é duns 35 metros a 60 km/ h e de 65 ou 70 metros a 90 km/ h, cifras que se duplican holgadamente se o firme está húmido ou esvaradío, compréndese a importancia de que os peóns resulten visibles canto antes para o resto de usuarios da vía. Máis aínda se temos en conta que un peón atropelado a 60 km/ h ten aproximadamente un 80% de probabilidades de falecer.

RECOMENDABLE SEMPRE PARA CIRCULAR POR ESTRADA

O uso deste elemento de seguridade, en calquera caso de custo moi reducido, é obrigatorio para os peóns que circulen pola beiravía ou, de ser imprescindible, pola calzada, entre a posta e a saída do sol ou en condicións de visibilidade reducida, aínda que é moi recomendable o seu uso sempre que se teña que circular por estrada, a calquera hora do día.

Con todo, o chaleco por si só non basta para evitar o accidente o peón camiña sen prestar atención aos vehículos que se achegan ou por unha banda da vía que non permite que estes lles poidan ver, ou se irrompe ou cruza a calzada sen confirmarse previamente de que non se aproxima ningún vehículo. En máis do 34% dos accidentes mortais e graves entre 2019 e 2021 na provincia os peóns atropelados cruzaron ou circulaban antirreglamentariamente pola vía.

As estatísticas mostran, así mesmo, que nun número significativo dos sinistros influíu unha distracción por parte dos condutores de vehículos, así como, en máis do 20% dos accidentes mortais ou graves entre 2019 e 2021, o conducir baixo os efectos do alcol.

0.18884205818176