Comeza nas Pontes a segunda edición do obradoiro de emprego Eume
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, inauguraron no local social da asociación de veciños Beira do Eume, a segunda edición do obradoiro de emprego Eume.
Trátase dun programa mixto de formación e emprego que ten como obxectivo mellorar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais no ámbito sociosanitario, para deste xeito favorecer a súa inserción laboral nun sector cun alto volume de demanda de profesionais tanto na contorna como no propio municipio.
Durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego, Ana Pena deu a benvida ós 12 alumnos que, durante 9 meses, participarán nesta acción formativa e animounos a “aproveitar esta oportunidade para mellorar a vosa posición de cara a vosa futura incorporación nun sector en auxe pero con dificultades para cubrir prazas con persoal cualificado tanto no ámbito público como privado”. Ana Pena tamén agradeceulle á asociación Beira do Eume a súa colaboración co programa, cedendo a súas instalacións para levar a cabo a formación teórica do obradoiro.
Pola súa banda, Valentín González Formoso, puxo a disposición de alumnos e docentes todas as ferramentas das que dispón o Concello para garantir o bo funcionamento do programa e remarcou a satisfacción do goberno local por poder contribuír, de xeito activo, empregando recursos propios, á creación de emprego e a xeración de novas saídas laborais para os ponteses.
O alcalde tamén anunciou a intención do goberno local de continuar apostando pola formación para darlle acceso ós veciños a novas saídas laborais. “Mantemos o noso compromiso de procurar e promover o desenvolvemento, na nosa vila, de todas aquelas iniciativas que poidan contribuír a mellorar a empregabilidade. Continuaremos usando todas as ferramentas que temos ó noso alcance para impulsar a competitividade laboral dos nosos veciños” subliñou González Formoso.
Obradoiro de emprego Eume II
O obradoiro, cun orzamento de 173.284 euros, dos cales 40.000 son aportados polo Concello de As Pontes, inclúe formación teórica sobre atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás, organización do domicilio de persoas dependentes, entre outros. Na parte práctica os alumnos desenvolverán os coñecementos aprendidos e realizarase ó abeiro do programa de Axuda no Fogar do Concello de As Pontes
O obradoiro, que permitirá ós alumnos obter o certificado de profesionalidade, terá duración de 1.440 horas e contará con diversos módulos de formación complementaria en novas tecnoloxías, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais ou técnicas de procura de emprego; formación orientada a que os beneficiarios do obradoiro creen un proxecto profesional-persoal que lles permita a inserción no mercado laboral.
Ademais dos 12 alumnos/traballadores, o obradoiro conta cun corpo docente integrado por un director, un mestre especializado en atención sociosanitaria, un auxiliar administrativo e un mestre en formación e xestión empresarial, elevando ata 16 a cifra de persoas empregadas nesta edición do obradoiro de emprego Eume.