Comeza nas pontes un programa de actividades para promocionar o queixo e o mel
O Concello das Pontes aposta, un ano máis, pola promoción do queixo e do mel, dous dos produtos esenciais da gastronomía do municipio.
O Concello, en colaboración coa Casa do Mel de Goente e Queserías do Eume, organiza diversas actividades para, en palabras da concelleira de Turismo, Elena López, "achegar aos veciños e veciñas das Pontes e da comarca, aos produtos locais e promocionar e impulsar un sector da economía local que está en auxe no que, cada ano, nacen novas iniciativas que implican importantes oportunidades socioecomómicas para o noso rural”
As actividades, que teñen como obxectivo dar a coñecer, promocionar e exaltar os produtos da gastronomía pontesa, desenvolveranse desde o 8 ao 10 de outubro e comezarán, coas XXII Xornadas Apícolas organizadas pola Casa do Mel, nas que se abordarán cuestións como a normativa vixente sobre a comercialización do mel, as coleas ecolóxicas ou selección xenética das abellas.
O programa de actividades continuará o domingo, 10 de outubro, ás 15:00 horas cun percorrido pola apiruta, un roteiro de 9 km para aprender o proceso de elaboración do mel e poñer en valor o traballo do apicultor, que inclúe unha visita a aula da natureza ubicada na zona de restauración de Endesa. Xa ás 18:30 horas, realizarase unha cata, comentada, de hidromel a cargo de Santiago Ruíz. As persoas interesadas en participar nestas actividades deberán inscribirse, previamente, no número de teléfono 661 003 616.
Tamén o domingo, 10:00 de outubro, nunha carpa instalada ao carón da igrexa parroquial de Goente, haberá unha mostra e degustación de xantares, para un máximo de 30 persoas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz, a partir de queixos de Eume.
Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse, previamente, de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, no número de teléfono 981 440 344