Comeza o mes do aforro en Ribadeo con descontos en combustibles
Desde o día 1 de novembro está en marcha o Mes do Aforro de Acisa Ribadeo. Trátase dunha campaña de fidelización con descontos no combustible grazas ao convenio firmado entre a Asociación de Comerciantes e o Grupo Valcarce. Aquelas persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos comercios ribadenses socios de Acisa do 1 ao 30 de novembro obterán tarxetas de desconto de 0,09 euros por litro de carburante na estación de servizo de Vilar.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explica que “o obxectivo desta campaña é o fomento da actividade comercial en novembro mediante a fidelización do cliente tanto da vila como dos visitantes que se acheguen a Ribadeo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, considera que “esta campaña pode dar moi bo resultado, xa que un desconto de 9 céntimos no combustible é algo que todo o mundo agradece, xa que todos temos que encher de combustible os depósitos dos nosos coches”. E subliña que “estamos diante do maior desconto que hai agora mesmo na zona neste sector”.
Iriarte anima á xente “á que faga as súas compras no comercio ribadense e que pida as tarxetas de desconto que atopará nos locais asociados a Acisa durante o presente mes de novembro”.
E Pérez puntualiza que “as tarxetas deben ir debidamente seladas por cada establecemento na parte traseira. Son dun único uso, é dicir que unha vez que entreguemos a tarxeta na estación de servizo esta será anulada para que non poida ser empregada de novo”.
O xerente de Acisa engade que “esta promoción só é válida na estación de servizo do Grupo Valcarce en Ribadeo, que asume integramente o desconto aplicado nesta campaña”.
ALCOA. Nos locais asociados a Acisa atópanse desde hoxe as cartas da Federación de Comercio A Mariña en apoio a Alcoa. “Aquelas persoas interesadas en envialas á presidencia do Goberno deben achegarse aos locais asociados a Acisa a pedilas. O único que teñen que facer é poñerlles un selo e entregalas en Correos. Hai 5.000 cartas que desde a FCAM se enviaron a Madrid esta semana e entre todos e todas queremos chegar ás 80.000. Que Alcoa siga coa súa produción na Mariña é moi importante para todos nós”, sinala o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.