Comeza o trámite para facer melloras no Camiño do Norte ao seu paso por dez concellos

TerraChaXa | AMariñaXa
Beneficia a municipios de Ribadeo, Trabada, Vilalba, Begonte, Guitiriz e Friol na provincia de Lugo e procura a seguridade do peregrino
peregrinos-3
17 Mar 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o trámite de información pública para o proxecto de trazado dos treitos comúns do Camiño do Norte que supón a mellora da seguridade do itinerario en dez concellos das provincias de Lugo e A Coruña. Trátase dos municipios de Ribadeo, Trabada, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol, Sobrado, Boimorto, Arzúa e O Pino.

Estas actuacións intégranse no plan de seguridade de mellora do Camiño de Santiago no que se a Xunta está a investir 40 millóns de euros e que prevé actuacións co horizonte posto no Xacobeo 2027. En concreto, actuarase en máis de 150 quilómetros de 80 concellos dos nove itinerarios do Camiño de Santiago para afastar aos peregrinos das zonas perigosas de circulación.

Segundo o anuncio publicado hoxe no DOG, as persoas que desexen presentar alegacións ao trazado disporán dun prazo de trinta días hábiles. A documentación necesaria está colgada na web de Turismo de Galicia, así como na sede central da Axencia, nas áreas provinciais da Coruña e Lugo e nos concellos implicados.

O Camiño do Norte é desde 2015 Patrimonio da Humanidade da UNESCO, unha consideración que comparte co Camiño Francés, declarado en 1993, e co Camiño Primitivo, tamén desde 2015. A ruta, que comezou a gañar en relevancia na Baixa Idade Media, foi vía de entrada de devotos non só do norte da Península, senón tamén doutros territorios coma Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia.

Tamén coñecido como Ruta da Costa por percorrer parte do litoral cantábrico, o itinerario conta con dúas variantes. A primeira entra desde Asturias pola ría de Ribadeo, mentres que a segunda, procedente de Castropol e Vegadeo, rodea a zona baixa do río Eo e entra en Galicia pola ponte de Santiago de Abres, chegando ao concello de Trabada.

En 2025, máis de 21.000 peregrinos fixeron este Camiño do Norte e no que vai de ano, leva un ritmo de crecemento do 23% con respecto ao mesmo período do pasado ano.

0.14792203903198