Comeza un novo ciclo formativo do Programa Integrado de Emprego das Pontes

TerraChaXa
Durante este mesmo mes, arrancará o curso de xestión loxística e outro de manipulador de alimentos
programa-integrado-de-emprego-as-pontes
Entrega de diplomas do Programa Integrado de Emprego
22 Maio 2024

O Concello das Pontes, ao abeiro do Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e posto en marcha coa colaboración dos Concellos da Capela e As Somozas, vén de comezar un novo ciclo de accións formativas que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes no programa.

Nese sentido, a responsable da área de Emprego do Concello de As Pontes, Ana Pena, sinala que “estas accións son unha aposta decidida, do goberno municipal, polas accións de fomento do emprego a través da formación, tratando de que o alumnado adquira competencias profesionais en sectores económicos con un alto volume de demanda laboral para, deste xeito, contribuír a mellorar a súa posición de cara á súa incorporación no mercado de traballo”.

Así, no mes de maio botaban a andar o curso de acompañamento de transporte escolar (COML005PO). Unha formación que forma parte do catálogo do SEPE, cunha duración de 30 horas e no que as quince persoas participantes adquiriron coñecementos para identificar os principais riscos e medidas preventivas para o correcto desenvolvemento da actividade do monitor-acompañante de transporte escolar, dentro das empresas de actividades extraescolares e ocio educativo.

Por outra banda, durante este mesmo mes, arrancará o curso de xestión loxística (COML0006) e tamén se porá en marcha o curso de manipulador de alimentos (FCOM01) dúas formacións de catálogo de especialidades do SEPE. A formación de manipulador de alimentos, cunha duración de 10 horas e no que participarán 25 persoas permitirá a obtención do diploma que lles permite aplicar a normativa vixente para a correcta hixiene. Pola súa banda, o curso de Xestión Loxística ten unha duración de 150h en aula que se complementarán con 50 horas de prácticas non laborais en empresas locais. Nesta formación, que se inicia o 22 de maio, participarán 15 persoas

A última semana de maio comezará un curso de alfabetización informática e internet (FCO102) de 25h de duración. Unha formación transversal en novas tecnoloxías coa que o alumnado obterá e procesará información nun ordenador, utilizando as funcións básicas das aplicacións informáticas de oficina e dos servizos e protocolos propios dunha rede Intranet/Internet: world wide web, correo electrónico, videoconferencias, foros de discusión e charlas e que se suma ao curso de habilidades TIC na procura de emprego, celebrado no mes de abril, cunha duración de 20h, no que se tomaron parte 14 alumnos/as que aprenderon as competencias precisas para a busca de emprego a través da internet e a utilización das novas tecnoloxías para rexistrarse en portais de emprego, nas empresas de traballo temporal ou para ofrecer unha autocandidatura a unha empresa a través da súa páxina web.

Xa no mes de xuño, durante a primeira semana, botará a andar o curso de auxiliar de produtos frescos dirixido a de 15 participantes, con 50 horas de formación teórica e 50 horas de prácticas non laborais en empresas para o alumnado que supere a parte teórico-práctica en aula. Esta formación ten por obxectivo preparar ás persoas participantes na aplicación e procedementos específicos para a realización das tarefas propias do posto de operario de produtos frescos nun establecemento comercial, coidando o bo estado das instalacións podendo traballar dentro da familia profesional do comercio.

Programa Integrado de Emprego de Galicia

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, mellorar a ocupabilidade e inserción laboral da veciñanza dos concellos das Pontes, A Capela e Somozas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

A través deste programa formativo ofreceráselle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

A formación está dirixida a 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral, de carácter individual, e un conxunto de sesións en grupo organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de curriculum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumando adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre xestión loxística, manexo de carretillas e plataforma elevadora, curso de operacións de sons e iluminacións no sector audiovisual, un curso de control de accesos ou un curso de auxiliar de produtos frescos, entre outros.

Todas as accións do programa contan cunha bolsa de asistencia e coa posibilidade de utilizar o servizo de conciliación familiar para aqueles con cargas familiares que doutro xeito non poderían aproveitar as accións.

O orzamento do Programa Integrado é de 163.350 euros euros, dos cales 130.680 euros son aportados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e 32.670 euros polas entidades locais.

0.21463298797607