Comeza un novo curso de iniciación á apicultura na Casa do Mel de Goente
A Casa do Mel de Goente organiza este mes un novo curso de iniciación á apicultura, aberto a toda a poboación.
A actividade está prevista para os días 22, 23 e 29 de abril e 7 de maio. O curso realizarase nas propias instalacións da Casa do Mel e combinará a formación teórica e a práctica no apiario da formación. O horario será os tres días de abril de 9.00 a 14.00 horas e o 7 de 16.30 a 21.30 horas.
Os interesados en participar xa se poden inscribir chamando á entidade ao número de teléfono 661 003 616 ou no correo casadomel@vodafone.es
O obxectivo principal deste curso é facilitar a entrada neste sector de apicultores adecuadamente formados e fomentar a competitividade e a eficiencia das explotacións. Así, búscase garantir unha xestión sustentable dos recursos naturais impulsando o desenvolvemento de pequenas explotacións economicamente viables. Nesa liña, quérese fomentar a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.
O programa formativo abordará primeiramente a bioloxía do enxame en relación ao apicultor e á colmea, tratando a maquinaria para a elaboración dos diversos produtos e os tipos de colmeas, entre outras cuestións. Tamén se falará da instalación do apiario e do manexo das colmeas e multiplicación de núcleos, a saúde das abellas e os obxectivos produtivos nunha explotación apícola. A maiores, tratarase a calidade do mel e o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a normativa sobre a ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas galegas e sobre a venda directa de produtos primarios, así como a prevención de riscos laborais na apicultura.
Cabe engadir que o curso está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.