Comezan a construción e probas dos sistemas antinéboa na A8
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) iniciou a fase de construción e experimentación en campo con dous prototipos das solucións innovadoras, que tratarán de resolver os problemas causados pola néboa sobre a circulación viaria, mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento, no tramo da Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta, na provincia de Lugo.
En tanto que as probas correspondentes aos dous prototipos de solucións innovadoras de axuda á condución en situacións de néboa iniciáronse o pasado verán de 2020, todos os prototipos de solucións innovadoras fronte á néboa atoparanse inmersos na fase de experimentación en campo con eventos reais de néboa este próximo verán.
CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
Os catro prototipos en fase de experimentación da Compra Pública Precomercial (CPP), para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta, divídense en dous lotes. Dous dos prototipos corresponden ao lote 1, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa, e os dous restantes corresponden ao lote 2, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.
O importe total dos citados contratos de servizos é de 5,64 millóns de euros. A Compra Pública Precomercial (CPP), está cofinanciada nun 80% a través do Programa Innocompra do Ministerio de Ciencia e Innovación, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020. Para facelo posible, Mitma asinou en 2017 un Convenio FID (Fomento da Innovación Empresarial desde a Demanda), co entón encargado do programa, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.
Esta iniciativa contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) cos que está comprometido Mitma, concretamente ao ODS 9: Industria, Innovación e Infraestrutura.
Na actual fase de construción e experimentación en campo a escala real cos catro prototipos seleccionados, o obxectivo é verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
As dúas propostas correspondentes ao lote 1 de axuda á condución, consisten en:
- Un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser
- LED proxecto sobre a calzada
No caso das dúas propostas correspondentes ao lote 2 de sistemas que actúan sobre a néboa, son:
- Un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos
- Barreiras estáticas e dinámicas
Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados para resolver a problemática existente.