Comezan as obras da estrada de Xermade a Cabreiros

TerraChaXa
A Xunta inicia as obras de mellora de firme da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros, nas que inviste 450.000 euros.
estrada cabreiros moman
3 Ago 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu comezo ás obras de mellora de firme da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros, ás que destina un investimento de 450.000 euros.

A actuación, que está previsto rematar no prazo máximo de tres meses realizaranse nun treito de 5,5 quilómetros que discorre integramente polo municipio xermadés e forma parte da estrada que une Parga con Cabreiros.

En concreto, a intervención permitirá mellorar o firme entre a intersección da Pena e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos. Acometerase a mellora do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura de altas prestacións nos treitos que presentan mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios.

A actuación inclúe, ademais, a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical. Ademais, nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, disporanse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocaranse, tamén, barreiras de seguridade onde haxa desniveis e sistemas de protección para motoristas.

A obra enmárcanse no Plan de reforzo de firmes, que este ano destina ás estradas autonómicas da provincia de Lugo un investimento de 4,6 M€. O obxectivo é executar e ter rematadas estas actuacións este mesmo ano 2021.

estrada cabreiros xermade obras
0.23219203948975