Comezan as obras da estrada que une As Pontes co Freixo
Xa deron comezo as obras de mellora da estrada que une As Pontes co Freixo, que se prevé que culminen durante o verán. O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou os traballos acompañado polos edís de servizos e serguridade cidadá, José Ramón Alonso, e de medio rural, Antonio Castro, ademais de técnicos do servizo provincial de vías e obras.
O proxecto de ampliación desta vía de titularidade municipal, a DP-7009, comprende os 2,5 primeiros quilómetros, ata a zona do cemiterio, e supón a ampliación do ancho da calzada de catro a seis metros, "o que contribuirá a mellorar a seguridade nun tramo que contaba con zonas tan estreitas que impedían o paso de dous vehículos ao mesmo tempo", segundo explican dende o Concello.
O alcalde destacou a importancia da colaboración dos veciños, que cederon terreos para poder levar a cabo esta actuación, cuxas obras de ensanche están practicamente finalizadas. A continuación executarase a nova pavimentación da vía e dotarase da sinalización, tanto vertical como horizontal.
As obras están ao cargo da Deputación da Coruña, que rolda os 160.000 euros de orzamento, con cargo ao seu plan de conservación de estradas.