Comezan as obras da estrada que une A Pastoriza e Muimenta

TerraChaXa
A Deputación de Lugo comezou os traballos na estrada LU-P-4401, a vía provincial que conecta A Pastoriza con Muimenta pasando por Reigosa.
obras estradas pastoriza a muimenta
23 Nov 2021

A Deputación de Lugo comezou os traballos de mellora da estrada LU-P-4401, a vía provincial que conecta A Pastoriza con Muimenta pasando por Reigosa. Os traballos, que teñen un investimento de 304.250€, execútanse en preto de 11 quilómetros, dende o punto quilométrico 0 e o 10,9.

Estas melloras beneficiarán á veciñanza das localidades da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, así como a todas as persoas que cada día transitan por ela para desprazarse pola comarca da Terra Chá.

Os traballos consisten na rexeneración con aglomerado en quente por tramos e na reposición da pintura nos preto de 11 quilómetros da vía, mellorando a súa seguridade e comodidade de xeito integral. O prazo de execución é de 6 de meses, pero a previsión é que as obras queden rematadas antes se as condicións meteorolóxicas son favorables. 

A institución provincial suma esta nova actuación na súa rede de estradas, a máis longa de España, dentro da aposta do Goberno pola mellora da mobilidade para favorecer o reequilibrio territorial, especialmente nas  zonas rurais.

A Deputación de Lugo inviste neste 2021 nas estradas da comarca da Terra Cha 5M€ a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia na provincia, máis de 650 quilómetros percorren esta comarca, repartidos en 139 vías. Percorren os municipios de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Vilalba e Xermade.

A institución provincial ten en marcha ou vén de finalizar unha decena de proxectos para renovar e mellorar as estradas da súa titularidade cun investimento que ascende a máis de 1M€.

A esta contía cómpre engadir as accións que financia a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 para a mellora de camiños, accesos a núcleos de poboación e o acondicionamento e humanización de vías municipais, e que ascenden a preto de 2,4M€. En concreto, con estes fondos acondiciónanse accesos a 118 barrios e parroquias da comarca e renóvanse as beirarrúas dun conxunto de rúas da capitalidade de Castro de Rei e da parroquia de Roupar, en Xermade.

Así mesmo, a Deputación tamén actúa nas estradas con medios propios do Parque Móbil. No que vai de ano realizou diversas actuacións na Terra Chá, valoradas en preto de medio millón de euros, segundo os prezos de mercado.

0.16470313072205