Comezan as obras da futura estación náutica no lago das Pontes

TerraChaXa
O proxecto contempla o acondicionamento do terreo e a mellora do acceso á auga, coa creación dunha explanada dotacional
obras-estacion-nautica-as-pontes
6 Apr 2026

As obras da futura estación náutica no lago das Pontes xa están en marcha logo de seren adxudicadas finalmente por un importe de 325.000 euros, unha actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco dos fondos europeos Next Generation destinados a impulsar un modelo de turismo sostible nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O proxecto contempla o acondicionamento do terreo e a mellora do acceso á auga, coa creación dunha explanada dotacional de máis de 3.800 metros cadrados que permitirá o desenvolvemento de actividades náuticas e deportivas. Neste espazo habilitarase unha zona con escaleiras e gradas para o acceso de embarcacións de remo como kaiaks, así como unha rampla de ata 14 metros de ancho destinada a barcos de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio.

A intervención inclúe tamén a instalación de servizos básicos como electricidade, abastecemento de auga, drenaxe e saneamento, ademais dun sistema específico para a recollida e bombeo das augas empregadas na desinfección obrigatoria das embarcacións.

As actuacións complétanse coa execución de muros de escollera de contención, a creación dunha zona de limpeza e desinfección de 50 metros cadrados, a instalación de novos elementos de seguridade como varandas e sinalización vertical, e a dotación de iluminación pública mediante proxectores LED de baixo consumo.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, salientou que este proxecto ten “unha clara vocación sostible” e permitirá poñer en valor o lago como recurso natural e turístico, ao tempo que abre novas oportunidades para o deporte náutico e o lecer.

Esta actuación forma parte dun plan máis amplo cun investimento global de 3 millóns de euros orientado a impulsar iniciativas sostibles en Ferrolterra, Eume e Ortegal, reforzando un modelo turístico baseado na calidade ambiental, o patrimonio e a experiencia cultural.

0.10788989067078